«Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer»
- Queimán e Pousa presentan mañá no Mosteiro de Montederramo o espectáculo audiovisual
- A produción ten como obxectivo a promoción histórica, natural, rural e patrimonial da Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial pola Unesco
A Deputación de Ourense colabora no espectáculo audiovisual “Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer” que os artistas Queimán e Pousa presentan mañá venres no Mosteiro de Montederramo e que ten como obxectivo a promoción histórica, natural, rural e patrimonial da Ribeira Sacra -candidata a Patrimonio Mundial pola Unesco, iniciativa impulsada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar-. A obra, que conta colaboración de institucións, concellos e adegas, para poñer en valor a riqueza interior e rural da Ribeira Sacra, contén un vídeoclip promocional, un documental, 21 vídeos promos de adegas e cinco making of. Estréase mañá na gala que se celebra no Mosteiro de Montederramo, espazo onde xurdiu o nome desta terra máxica que comprende as ribeiras do río Sil e do Miño.
Esta produción é un proxecto visual da produtora Queiman e Pousa. A sinopse trata sobre o papel dunha empresaria do mundo do viño (interpretado por Andrea Pousa) que dirixe unha adega de éxito e que goza do seu tempo de lecer nos distintos espazos emblemáticos da Ribeira Sacra. Este personaxe experimentará ensoñacións onde a mitoloxía, lendas e Historia serán partícipes: Fadas, romanos e monxes, daranse cita nun enclave único e máxico.
Antón Durán Morris é o actor estrela convidado neste proxecto onde interpreta a un xeneral romano que percorre estas terras cos seus soldados (Interpretado pola Garda Pretoriana de Lugo). Bruxo Queiman é o actor encargado de levar a cabo o papel de monxe, un personaxe que fará un percorrido polos mosteiros e igrexas máis relevantes da Ribeira Sacra. No videoclip tamén se resalta o labor das mulleres no mundo do viño, tanto na man de obra como nas decisión empresariais.