Riada Cidadá reivindica a construcción da A-76 e califica de “obsoleta” a N-120
- Este grupo municipal de O Barco considera prioritaria a nova autovía para o desenvolvemento económico da comarca de Valdeorras
Riada Cidadá, grupo municipal da Corporación de O Barco de Valdeorras que lidera Félix García Yáñez , reivindica a construcción inmediata da autovía A-76 (Ponferrada-Ourense) para artellar as comunicación por estrada da zona central de Galicia.
Argumenta que é unha prioridade pois “a nosa comarca, Valdeorras, como as estremeiras do macizo central ourensá, así como as luguesas de Quiroga e Lemos, son deficitarias en infraestructuras, algo que frea o desenvolvemento e propicia o declive demográfico”.
Ademais, sinala Riada Cidadá que a actual N-120 non cumpre con esa tarefa pois “é unha estrada obsoleta para os estándares actuais de tráfico de viaxeiros e mercadorías. Foi diseñada nos anos 60 do pasado século e rematada na década seguinte e rexistra un alto índice de mortalidade por accidentes”.
Riada, engade, que a N-120 está limitada a 80 kilómetros en moitos tramos debido a que “atravesa poboacións e dispón de dous carrís, tres nos escasos lugares que a orografía o permite e con tramos de liña continua de 20 kilómetros”.
Recorda que a circulación media diaria da estrada N-120 medida polo Ministerio de Fomento superaba os 5.000 vehículos no ano 2005 (últimos datos coñecidos).
Riada Cidadá expón que a construcción da A-76 é longamente ansiada por amplios sectores sociais da zona. De feito, lembra que hai constituida unha plataforma dende hai 10 anos, integrada por entidades, colectivos e concellos, moitos de O Bierzo, que a reclama.
“Dende Riada defendemos que o trazado da futura autovía sexa consensuado entre os axentes e colectivos sociais afectados para que cause o menor dano no medio ambiente e no patrimonio cultural das comarcas polas que debe discorrer porque necesitamos perentoriamente acercarnos á meseta e ao resto de Galicia”, engade.
Tamén apunta que a A-76 é fundamental para o desenvolvemento económico: “Non queremos converternos nun reduto a visitar e que a falla de infraestructuras leve a a Valdeorras a un proceso de declive industrial. Actualmente, aportamos o 40 por cento do Produto Interior Bruto provincial e a precariedade das comunicación frea o noso potencial económico”.
Finalmente, Riada Cidadá conclúe que “estamos a perder poboación e a perder a radicación de empresas que desprazan as súas instalación ao Bierzo, na provincia de León, porque está mellor comunicada que nós”.