Riada Cidadá: ‘Menos do mesmo nas Festas do Cristo 2016’
- Comunicado Riada Cidadá
O animo de Riada é o de facer unha crítica construtiva sobre determinados aspectos das festas do Cristo 2016 ca intención de melloralas nos vindeiros anos. Somos conscientes que as de este ano tiveron aspectos positivos: por exemplo a actuación de grupos locais. Máis son máis os negativos, cando non os máis determinantes. Tivemos unhas festas que foron a concreción dun goberno municipal ensimesmado ca práctica política de desculpar todo problema achacándoo ben a imprevistos, ben a entidades alleas. Dende un principio sobraron declaracións grandilocuentes que encubrían a falla dos aspectos festeiros que máis devece a xente do común: programas de man, orquestras, gaiteiros de alboradas, ou bandas de música. Por no falar dalgún concerto que acercase algunha figura de prestixio nacional. Unha programación deslabazada co claro interese de encher de contido os seis días de festa e que levou a presentar como novidades talleres de cabezudos ou de cociña.
O resultado foi que non avanzamos en facer unhas festas próximas cando os nenos son semi excluídos, os mozos non teñen interese en participar, e o feito de suprimir os espectáculos tradicionais provoca asómesmo a deserción dos colectivos de maior idade. Porque para a memoria colectiva as festas deste ano serán as do tinglado montado pola empresa “Elemental Chefs” a beira do Sil e do campo da festa. Un espazo de degustación, chamado pomposamente “Rilla no Barco”, con varios food trucks aos que o empresario cobroulle unha suculenta comisión por instalarse. Nel tivo lugar o “encontro das pandillas” e a “festa das piraguas”, por certo, eventos onde a comida dos participantes estivo subvencionada polas arcas municipais. Práctica de privilexio cara unha empresa extra local fronte ao conxunto do sector da hostalería do Barco e do resto dos feirantes.
As xornadas do Cristo van a menos, nunha vila que conta cunha gran tradición festeira, referente de Valdeorras e das comarcas estremeiras. Nos últimos anos superadas por moitas das celebradas en pequenos pobos e concellos da contorna. O Barco non se merece esta negativa imaxe ante os veciños nin ante os barqueiros da diáspora que volven a visitarnos nestas datas. Riada Cidadá esixe que o Concello poña, o máis rapidamente posible, a disposición dos veciños as contas detalladas dos ingresos e gastos xerados polas festas. Porque é necesario saber o balance económico para o concello do “Rilla no Barco”, ou canto lle custaron os pandilleiros e os piraguistas…Máis alá do necesario debate veciñal, Riada Cidadá, intenta proporcionar a posibilidade de dispor de toda a información para que no futuro a transformación das festas non sexa so desexable e posible, senón un deber a non esquecer.