Reunión para analizar a Estratexia Conecta Ourense
- A Deputación analiza cos alcaldes do espazo metropolitano o proxecto «Conecta Ourense», baseado nas prioridades da cidadanía
- Na reunión celebrada hoxe no Pazo Provincial, o vicepresidente Jorge Pumar destacou que se optimiza a estratexia coa achegas recibidas dos cidadáns, os axentes sociais e as administracións, «co obxectivo de acadar unha área urbana conectada, que integre a todos os habitantes e que impulse o crecemento económico e social»
- O orzamento do proxecto é de 18,7 millóns de euros e a subvención solicitada ascende a 15 millóns de euros, por medio da convocatoria de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, fondos FEDER da Unión Europea.
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, mantivo hoxe unha reunión no Pazo Provincial con alcaldes do espazo metropolitano de Ourense (Barbadás, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Coles, Toén, Punxín, San Cibrao das Viñas e Ourense) para analizar cos rexedores locais a Estratexia Conecta Ourense (ECOU), enmarcada no proxecto DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible) Conecta Ourense, unha iniciativa que ten como retos conciliar o desenvolvemento industrial e a recuperación económica de espazos sostibles e con calidade ambiental, ademais de impulsar estratexias que fomenten a mobilidade urbana e periurbana.
O orzamento total do proxecto é de 18.750.000 euros e a subvención solicitada ascende a 15 millóns de euros, por medio da convocatoria de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, fondos FEDER da Unión Europea.
Na reunión, presidida por Jorge Pumar, o vicepresidente da institución destacou o importante avance que supón para o proxecto o feito de «optimizar a estratexia coa achegas recibidas dos cidadáns, os axentes sociais e as administracións, co obxectivo de acadar unha área urbana conectada, que integre a todos os habitantes e que impulse o crecemento económico e social». Jorge Pumar explicou que a finalidade da reunión de hoxe é contrastar cos alcaldes dos municipios implicados o proxecto «Conecta Ourense», para o seu financiamento con fondos europeos, baseado nas prioridades da cidadanía». «A ilusión demostrada en Ourense por este proxecto –remarca Pumar-, permitiu afondar nas necesidades reais da área urbana, favorecendo unha mellor compresión dos problemas, necesidades e retos, o que supón unha optimización da estratexia inicial».
O proxecto márcase entre as súa prioridades xerar unha contorna urbana cohesionada, integrada e sen barreiras entre os municipios que conforman este espazo metropolitano, e pretende estimular o uso das TICs e a implantación do concepto «Smart» en todos os ámbitos, ademais de xerar un entramado económico e social forte entre a capital ourensá e os municipios limítrofes, apoiado nas potencialidades da zona.
Jorge Pumar destacou que o proxecto ECOU «é unha mostra do compromiso de cooperación da Deputación de Ourense na captación de investimentos e proxectos en beneficio dos pequenos concellos, os cales por si mesmos non poderían chegar a eles. Estes municipios, que conforman coa capital ourensá un espazo metropolitano con grandes potencialidades para o crecemento sostible, forman unha unidade territorial na que se comparten problemas, desafíos e obxectivos, polo que é preciso desenvolver liñas de actuacións coherentes e centradas no impulso medioambiental, económico e social desta área», destacou Jorge Pumar.
A delimitación da área urbana a efectos da estratexia definida estableceuse en función dos problemas urbanos que comparten a cidade de Ourense e os concellos que a rodean. Os oito municipios teñen ante si retos urbanos compartidos cuxa solución pasa por unha actuación conxunta, coordinada e integrada.