Retornan ‘Os Resentidos’

  • Manuel Baltar e Antón Reixa presentaron onte o concerto que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o 2 de marzo
  • O grupo máis veterano do rock en galego presentará «Fai un sol de carallo-Suite», nun concerto que será gravado en audio e vídeo para editar un novo álbum que supón o retorno do grupo ao panorama musical

0 0 MB e Reixa feb16

 

Volven Os Resentidos, o grupo máis veterano do rock en galego, sóbese de novo aos escenarios, da man da Deputación de Ourense e dos xóvenes músicos que integran a big band da Lira, unha sección da banda de música de Ribadavia, a máis antiga de Galicia, para ofrecer un singular concerto, que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro 2 de marzo. O espectáculo será gravado e audio e vídeo para editar o que será un novo álbum, co que o grupo retorna ao panorama musical.

A presentación tivo lugar onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do líder de Os Resentidos, Antón Reixa, e do presidente da Asociación cultural Liradavia, Iván Estévez.

A Deputación de Ourense patrocina este evento que, segundo explicou Manuel Baltar, «é unha iniciativa cultural singular na que participan dúas institucións musicais: a banda máis antiga de Galicia cos seus 175 anos, A Lira de Ribadavia, e dentro dela a súa»Lira Big Band», formada polos músicos máis novos da banda, e o grupo que lidera Antón Reixa, Os Resentidos, cunha presenza indiscutible no panorama musical nacional dos anos 80″.

O presidente do goberno provincial dixo que o concerto «é un acontecemento musical par Ourense, co cal rendemos homenaxe a unha institución senlleira de Galicia, a banda de música A Lira, pero tamén a un grupo e a unha obra que aínda hoxe segue influenciando no ámbito musical: Os Resentidos». Baltar considera que neste evento «únese tradición e modernidade, todo xunto nun traballo que representa unha traxectoria de trinta anos e amosa a potencia e a gran faceta creativa de Antón Reixa».

Baixo o título de «Fai un sol de carallo – Suite», o traballo que Reixa e Os Resentidos presentan no Teatro Principal inclúe un percorrido polos temas máis famosos do grupo, aos que hai que engadir seis novas cancións, mesturando as guitarras e as gaitas do grupo co vendaval da big band de A Lira. O concerto no Teatro Principal de Ourense serán rexistrados en audio e vídeo para á próxima edición dun novo álbum con DVD pola compañía Dro Warner co patrocinio da Deputación de Ourense. 16 músicos en escena cun espectáculo que comeza en Ourense e que xirará durante todo o 2016.

Antón Reixa agradeceu o apoio da Deputación de Ourense «por facer posible este proxecto, porque a nosa proposta da gravación en directo non era fácil xa que era preciso atopar un lugar que reunise as condicións como as que ten o Teatro Principal de Ourense, e a institución provincial resolveu ese problema e ofreceuse a patrocinar o noso novo disco».

Reixa dixo que levan preparando este concerto desde o pasado verán, e que o obxectivo é «ofrecerlle ao público todo o que sempre agarda de Os Resentidos pero cunha clara evolución e cunha proposta musical novidosa que é a que aporta a big bang de A Lira».

Pola súa banda, Iván Estévez agradeceu que Antón Reixa contara con eles para este acontecemento musical. «Púxose en contacto con nós a raíz de ler o libro sobre os 175 anos da historia da banda, e que quixese mesturar a música pop en galego con música tradicional de banda, o que tentamos enfocalo dunha forma máis moderna co formato de Big Band».

O grupo musical «Os Resentidos» disolveuse no ano 1994 «como acto de sinceridade porque despois de máis de 150 cancións sentimos que xa non nos sorprendíamos a nós mesmos», asegurou Antón Reixa. Todos os integrantes continuaron a traballar no mundo da música e no ano 2012 vólvense xuntar en Ourense con motivo da celebración dos 30 anos da fundación do grupo, «o que foi unha experiencia que nós deixou con ganas de máis», dixo Reixa.

Agora, Os Resentidos volven pisar as táboas dun escenario con novas cancións e con aquelas que forman parte do seu repertorio tradicional que, segundo Reixa, «as que aguantaron mellor o paso do tempo foron as rabiosas, aquelas que tratan sobre temas sociais».

También te podría gustar...