Resolución das axudas para a prevención dos danos que causan as especies da fauna silvestre como o xabaril, o lobo ou o oso
- Medio Ambiente resolve as axudas para a prevención dos danos que causan as especies da fauna silvestre
- Os beneficiarios son persoas titulares de explotacións agrarias ou gandeiras afectadas polos ataques de animais como o xabaril, o lobo ou o oso
- O prazo que teñen os beneficiarios para xustificar os investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes finalizará o próximo 7 de decembro
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, vén de emitir a resolución da concesión das axudas reguladas na orde do 29 de xullo de 2016, destinadas á prevención de danos que causan as especies da fauna silvestre, e das que poden ser beneficiarios as persoas titulares de explotacións agrarias e/ou gandeiras afectadas polos ataques de animais como o xabaril, o lobo, ou o oso.
O obxecto destas axudas é fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentiva a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies.
Segundo se establece na resolución, o prazo dos beneficiarios para xustificar os investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles finalizará o día 7 de decembro de 2016.
As actuacións subvencionables obxecto da concesión son:
1. Para a prevención de danos ocasionados polo lobo: a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos e curros de malla electrificada.
2. Para a prevención de danos ocasionados polo oso, xabaril ou outras especies de fauna silvestre: a adquisición de pastores eléctricos.
Para a xustificación dos investimentos obxecto de axuda, a persoa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación, de acordo co establecido na orde: solicitude de pagamento, unha memoria de actuación xustificativa, unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, facturas orixinais ou copias compulsadas e declaración do interesado acerca da solicitude ou concesión doutras axudas similares ou de estar ao día en relación a obrigas referidas á normativa de subvencións. No caso de adquisición de cans mastíns achegarase, ademais, o certificado expedido por unha persoa licenciada en veterinaria colexiada no que se acredite a idade do can e a súa raza.