Reparación da Ponte de madeira do Malecón

  • O Concello de Monforte conclúe as obras de reparación da Ponte de madeira do Malecón
  • Dende hoxe xoves 29 de setembro queda aberta de novo ó tránsito de persoas
  • O Alcalde, José Tomé Roca, recordou que “dende o Equipo de Goberno decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se seguise deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días”
  • Para esta actuación de mellora da Ponte de madeira do Malecón, o Concello destinou un orzamento de 48.387,90 euros

 

O Concello de Monforte informa que dende hoxe xoves queda aberta o tránsito de peóns a Ponte de Madeira do Malecón, unha vez finalizados os traballos de reparación e mellora da mesma, deseñados polo Equipo de Goberno.

O Alcalde anunciara no mes de xuño os traballos reparación desta Ponte de madeira sobre o río Cabe, que se sitúa entre a rúa Santa Clara e o Paseo do Malecón, “xa que era necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situadas baixo o taboleiro e os acabados da madeira, que estaban en estado regular.”

O inicio das actuacións tivo lugar no mes de xullo, motivo polo que foi pechada ó tránsito de persoas.

Así, o rexedor monfortino recordou que, “dado o tempo transcorrido dende a súa construción e vista as necesidades de mantemento que presenta, dende o Equipo de Goberno decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se seguise deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días”.

“Rematados os traballos planificados”, anunciou o Alcalde, “dende hoxe volvemos a abrir esta Ponte de madeira do Malecón para o uso e disfrute dos veciños de Monforte e das persoas que nos visitan, as cales poderán transitar por unha pasarela totalmente renovada”.

Obras de mellora na Ponte de madeira do Malecón

Esta Ponte foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. A súa lonxitude total é de 36 metros e posúe un dobre arco lateral con taboleiro central. Cada un dos arcos laterais está formado, á súa vez, por outros dous unidos transversalmente.
As obras que se realizaron para levar a cabo a reparación da Ponte de madeira sobre o río Cabe consistiron na:
• Comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas, subsanando o estado de oxidación dos elementos metálicos.
• Limpeza, lixado e lasurado de todas as pezas de madeira da Ponte.
• Reparación de gretas existentes nalgunhas pezas, coa aplicación de vernizado a través de resina epoxi.

 

Para esta actuación de mellora da Ponte do Malecón, o Concello destinou un orzamento de 48.387,90 euros.

 

 

 

 

También te podría gustar...