Remata esta semana o Mercado de Nadal de Monforte
- O Mercado de Nadal de Monforte, abre este venres e sábado con novos expositores e actividades para todos os públicos
- Como actividades destacadas arredor do Mercado, o venres 23 ás 20:30 horas actuará na rúa do Cardenal o grupo Galifunk. O programa tamén inclúe, na propia Praza de Abastos, as actuacións da Apalpadora, un obradoiro de pintura de teas para nenos e nenas coa artesá Paula Gutierrez, outro de olería tradicional coa artesá Otilia Arias, e unha demostración de Olería Tradicional RS., co artesán Tomás López
- O sábado 24, pechará o programa de actividades deste Mercado de Nadal a visita do Apalpador, que dende as 13:00 h percorrerá as rúas do centro de Monforte e a zona dos mercados da Praza de Abastos
- O Mercado de Nadal abre as súas portas na Praza de Abastos monfortina por terceiro e último fin de semana consecutivo, este venres 23 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. E o sábado 24, véspera de Nadal, de 11:00 a 14:00 horas
- A praza de Abastos acollerá participación de 12 postos de venda cunha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade
- A actividade encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia
O Concello de Monforte abrirá as portas, por terceira semana consecutiva, o Mercado de Nadal- Circuítos de Artesanía e Música Galega, unha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, con produtos para agasallos.
Debido a que o domingo 25 é Nadal, nesta ocasión, o Mercado abrirá este venres 23 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. E o sábado 24, de 11:00 a 14:00 horas.
Programación destacada para todos os públicos
Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal conta con un variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos e na rúa do Cardenal.
O venres 23 de decembro ás 13 horas, terá lugar a celebración na Praza de Abastos do espectáculo musical infantil “A Apalpadora”. Esta actuación corre a cargo de Antía, profesional do ámbito educativo e lúdico infantil, e André, compositor especializado en medios audiovisuais. A filla do Apalpador chega a Monforte, collendo o testigo do seu pai, para visitar ós nenos e nenas do Concello, cun cesto cheo de castañas e o seus tradicionais xoguetes de madeira. Os nenos e nenas que a coñezan terán a posibilidade de agasallar cun conto ou un cancioneiro da Apalpadora para encher de cor e natureza os seus fogares.
E pola tarde, dende as 6 horas, desenvolverase un obradoiro de pintura de bolsas de Nadal para nenos e nenas a cargo da artesá Paula Gutiérrez. As inscricións serán por orde de chegada, ata cubrir 10 prazas, tendo a posibilidade de facer dous grupos de 10 cada un, un celebraríase ás 18 h e outro ás 19 h.
Como evento destacado do venres, a xornada pechará coa actuación musical, as 8 e media da tarde, do grupo Galifunk, nun escenario ubicado na rúa do Cardenal. Este escenario, ideado especialmente polo Concello para esta ocasión, destaca pola súa beleza e polo seu fondo audiovisual onde destacan os motivos navideños.
O sábado 24 de decembro, celebrarase, dende as 11 horas, outro obradoiro de olería tradicional para nenos e nenas coa artesá Otilia Arias. As inscricións neste obradoiro serán por orde de chegada, ata cubrir 20 prazas. Ás 12 h terá lugar unha Demostración Olería Tradicional de Gundivós, co artesán Tomás López.
E pechará o programa de actividades deste Mercado de Nadal a visita do Apalpador, que dende as 13 h percorrerá as rúas do centro de Monforte e a zona dos mercados da Praza de Abastos.
Na zona comercial do Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Esta fin de semana, o Mercado de Nadal contará con 12 expositores.
Para facer máis atractivo este Mercado de Nadal, o Equipo de Goberno do Concello coidou especialmente a ambientación da Praza, decorándoa con motivos navideños, e co obxectivo de estimular a que a xente merque en Monforte e quede na cidade do Cabe para facer as súas compras de Nadal.
Estas actividades encádranse no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.