Reforzo do control do transporte de uva con motivo da vendima
- A Xunta e os corpos e forzas de seguridade do Estado reforzan o control do transporte de uva con motivo da vendima
- Medio Rural colabora coa Policía Autonómica e a Garda Civil nesta tarefa, para garantir o cumprimento da normativa vixente
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería do Medio Rural están a reforzar a coordinación e a colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado para o control da comercialización da uva de vinificación en Galicia nestas datas da vendima. Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas.
O Servizo de Control da Calidade Alimentaria da Consellería coordina este labor coa Policía Autonómica –que depende da Vicepresidencia da Xunta– e a Garda Civil, prestándolles a estes corpos policiais a cooperación e a información normativa necesarias para desenvolver as súas tarefas.
Estes controis súmanse aos que realizan os propios consellos reguladores para verificar a entrada de uva nas adegas. Nesta vendima un total de 109 técnicos realizan este traballo nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Pola súa dimensión, a maior parte deles (33 en total) centra a súa actividade na DO Rías Baixas. O resto repártese entre as denominacións do Ribeiro (31), Valdeorras (17), Ribeira Sacra (15) e Monterrei (13).