Rede Galega de Música ao Vivo: 113 actuacións ata fin de ano e parada no Barco de Valdeorras
- A Rede Galega de Música ao Vivo ofrecerá 113 actuacións ata fin de ano en 34 salas de toda Galicia
O circuíto da Agadic para a promoción de concertos de moi diferentes estilos conta con locais asociados en 19 localidades
- A súa nova carteleira semestral reúne 33 grupos musicais e cinco formacións escénicas
A Rede Galega de Música ao Vivo, un dos tres circuítos de exhibición de espectáculos que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, programará durante este segundo semestre do ano un total de 113 concertos e actuacións escénicas. Durante este período, a súa actividade desenvolverase en 34 das salas asociadas en 19 localidades de toda Galicia.
Esta rede, para a que se conta tamén coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, ten como obxectivo prioritario atender as necesidades de distribución dos grupos e intérpretes musicais galegos de moi diferentes estilos, ademais de contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo.
De feito, os concertos constitúen a oferta predominante deste circuíto, que durante o segundo período de programación anual acollerá 103 citas musicais a cargo de 33 bandas e intérpretes, galegos na súa meirande parte. É o caso, por exemplo, de Adrián Costa & The Criers, Agoraphobia, Aldaolado, Banda Crebinsky, Caxade, Davide Salvado, Eladio y los Seres Queridos, Felipe Villar Trío, Guezos, Igloo, Maryland, Músculo!, Os da Ría, Silvia Penide, The Lákazans ou Vandallica. A carteleira complétase con 10 actuacións de maxia, novo circo e narración oral protagonizadas polo Mago Teto, Fusionarte, Peter Punk, Rubén Riós e Serxio Pazos.
- ‘Galicia Culturea’
Este calendario cultural, que pode consultarse en www.cultura.gal e www.agadic.gal/Axenda, insírese á súa vez no programa ‘Galicia Culturea’, que Cultura e Educación está a promover desde este verán en máis de 166 localidades das catro provincias. No caso da Rede Galega de Música ao Vivo, esténdese á Coruña, A Illa de Arousa, Allariz, Baiona, Bueu, Cangas de Morrazo, Cervo, Ferrol, Laxe, Lugo, Melide, Moaña, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.