Recuperar e divulgar a cultura e as tradicións de Galicia e Portugal
- A Xunta de Galicia apoia a recuperación e divulgación da cultura e tradicións de Galicia e Portugal a través do programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción
- Galicia é unha das rexións europeas máis activas do programa Erasmus+: Xuventude en Acción e só na primeira e segunda quenda deste ano foron aprobados 28 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou aos mozos e mozas de Vedra e Portugal que participan estes días no municipio coruñés nun intercambio bilateral ao abeiro do programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción. Este grupo está a desenvolver o proxecto “Algo noso 2.0”, que ten como finalidade recuperar e divulgar a cultura e as tradicións de ambos territorios, e cubrir a necesidade de ofrecer alternativas de ocio saudable á xuventude no seu tempo libre.
Cecilia Vázquez manifestou que “a participación de mozos e mozas galegos no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción, foi unha das máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea, o que da boa mostra do dinamismo da nosa mocidade e do interese que espertan este tipo de programas de mobilidade e educación non formal”. A directora xeral destacou que a nosa comunidade xestiona preto do 9% do orzamento do programa Erasmus+ a nivel estatal, pese a que poboación xuvenil de Galicia representa só un 5,3% do total español.
Unha mostra do éxito desta iniciativa é que só na primeira e segunda quenda deste ano foron aprobados en Galicia 28 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento conxunto de 550.000 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente. O prazo de presentación de proxectos para a terceira e última quenda de 2016 é o 4 de outubro.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, como parte integrante da Axencia Nacional Española do programa Erasmus+, leva a cabo funcións de información, asesoramento, avaliación e seguimento de todos os proxectos presentados no marco de Erasmus +; Xuventude en Acción na Comunidade Autónoma de Galicia.
Erasmus+ é o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte que está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2020. O capítulo de Xuventude brinda apoio para que mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal e informal e potencia o papel dos traballadores e das organización favorecendo a mobilidade e cooperación no ámbito da xuventude.