Raquel Arias visita o CEIP de Quiroga

 

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, visitou o CEIP de Quiroga.

 

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, visitou o CEIP de Quiroga, no que está previsto acometer obras de mellora.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executará un novo muro de contención na zona do patio do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Quiroga, para o que investirá arredor de 15.000 euros. Así o confirmou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, nunha visita que realizou hoxe ao centro xunto co alcalde, Julio Álvarez.

Arias explicou que esta actuación abordarase no verán, aproveitando as vacacións escolares, e ven derivada das obras de reparación urxente do saneamento interior acometidas hai uns meses e nas que se investiron 31.000 euros.

Durante esa primeira fase, lembrou a delegada, constatouse a necesidade de reformar o muro de contención pola parte inferior do forxado sanitario como medida preventiva, aínda que non se atopa fisurado.

Naquela intervención reformouse a instalación de saneamento do centro, separando as augas pluviais e fecais e canalizando estas últimas ao alcantarillado municipal. Para elo foi necesario substituír todas as tuberías e executar as necesarias gabias e arquetas.

Nos vindeiros meses, cando as condicións meteorolóxicas o permitan, procederase tamén ao asfaltado do acceso á zona da cociña do colexio.

Arias explicou que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 75.000 euros dende o ano 2009 nos centros escolares de Quiroga. Desta contía, case 55.000 euros destináronse a melloras no colexio, como o arranxo da instalación eléctrica, a soleira de formigón ou a reposición dos tabiques da biblioteca.

No Instituto de Educación Secundaria procedeuse á substitución do queimador da caldeira e da arqueta do depósito e ao pintado da fachada, cun investimento conxunto de máis 19.000 euros.

Arias sinalou que “a Xunta está a introducir melloras constantes nos centros, relativas tanto a infraestruturas como a contidos e ferramentas de aprendizaxe, apostando por un ensino público de calidade”.

También te podría gustar...