Quiroga incrementou visitantes
O concello de Quiroga incrementou o número de visitantes con respecto ao ano pasado. A Oficina Municipal de Turismo atendeu dende principios de ano ata agora un total de 5.489 peticións de información turística ben de xeito presencial, na propia oficina, ou ben a través de chamadas telefónicas e solicitudes por correo.
Un 60% do total das consultas rexistráronse entre o mes de abril e setembro, coincidindo coa Semana Santa e o verán, períodos importantes para o turismo neste municipio xunto co outono .
En relación a procedencia dos turistas un 88% é turismo nacional e un 12% internacional. Dentro do turismo nacional un 35% proceden da nosa Comunidade e o resto de Cataluña, Madrid, Andalucía, Castela-León e País Vasco respectivamente.
A información máis demandada polos turistas é a relativa a rutas turísticas e de sendeirismo, seguida do Sinclinal do Courel ( Pregamento de Campodola-Leixazós) e do Túnel Romano de Montefurado.
A maiores deste rexistro, temos constancia dunha importante difusión de información turística e cultural a través de internet e redes sociais. Como exemplo salientar as 20.975 visitas que recibe o enderezo www.rutasquiroga.blogspot.com ou as máis de cen mil que recibe o perfil municipal de Facebook.
Mención especial como recursos turísticos do Concello de Quiroga merecen Os Museos Municipais Etnográfico e Xeolóxico que suman neste momento un total de 4. 150 visitas. O Museo Etnográfico acolleu 2.171 visitantes e o Museo Xeolóxico 1.979 dende principios de ano.