“Quimera”, espectáculo teatral para público familiar, na Casa da Cultura de Monforte

  • O Concello de Monforte continúa coa súa programación de Nadal, e deste xeito o vindeiro luns 4 de xaneiro estrearase esta obra, protagonizada polo actor valdeorrés Gabriel Prada e dirixida a público infantil e familiar, na Casa da Cultura a partir das 20:00 h
  • O aforo máximo será de entre 40 e 50 persoas. A entrada é libre e gratuíta ata completar dito aforo. A entrada o salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra
  • Todos os asistentes deberán seguir as indicacións do protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19 co que conta o Concello para as representacións teatrais na Casa da Cultura

A programación cultural de Nadal  do Concello de Monforte continua o vindeiro luns 4 de xaneiro de 2021, coa posta en escena da obra para público familiar Quimera do actor valdeorrés Gabriel Prada, que terá lugar ás 20:00 h na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

O aforo máximo será de entre 40 e 50 persoas. A entrada é libre e gratuíta ata completar dito aforo. A entrada o salón de actos realizarase media hora antes (19:30 h) do comezo da obra.

 

Sinopse

Quimera é unha viaxe onírica que nos achega, a traverso da fantasía, a un mundo de ilusión. Un tránsito entre o real e o imaxinario que anima ao personaxe a alcanzar eses soños ocultos que sempre tivo por inalcanzables. Soños nos que unha escaleira pode chegar a converterse nunha perfecta compañeira de baile, en amante, esposa e nai duns fermosos nenos-escada. Soños onde o amor convértese en motor das nosas vidas.

O espectáculo está interpretado por Gabriel Prada, actor valdeorrés que comezou a súa andaina interpretativa formando parte da Compañía de teatro amateur Gargallada teatro realizando diferentes espectáculos. Destacou no traballo que fixo na obra de teatro «A abraiante vida de Braian» no papel de Braian, facendo a partires deste momento espectáculos unipersoais como por exemplo «A última cinta de Krapp» de Samuel Beckett. Nesta época coñeceu ao actor galego Paco González, membro da Compañía alemá Familie Floez, co que fixo un curso de formación de clown. O seu «feeling» xermolou na idea de crear o espectáculo «Quimera«, show que tivo na dirección a Paco González. Dende ese momento -no ano 2013- ata hoxe, a obra percorreu festivais internacionais e diferentes circuítos galegos. 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • O aforo máximo é de 120 persoas.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.

 

También te podría gustar...