Que tempos os de CASTROYMONTES… Pois volven, o día 11 estarán no Bravo Lux
- Tras catro anos gloriosos de actuacións por Valdeorras e Ribeira Sacra, con escapadas tamén a nivel de Galicia e incluso fóra, Javier Castro e Andrés Montes decidiron aparcar CastroyMontes en decembro de 2014
- Case 7 anos despois, o exitoso tándem musical volveu aos escenarios cun concerto (que ao final foron tres) nun local de Monforte de Lemos. Este martes 11 de outubro volven a Valdeorras para dalo todo enriba do escenario no local Bravo Lux da Rúa a partir das 00:30 h
Falamos Javier Castro e Andrés Montes, os míticos CASTROYMONTES.
Quen son «CASTROYMONTES», como naceu e con que expectativas?
CASTROYMONTES naceu como resposta a un momento moi complicado de Montes. Foi un pouco un recargar pilas para dar o mellor ao regreso. Foi unha xira “sen rumbo” deixándonos levar a través de lugares como Tordesillas, Mérida e Dos hermanas. Nesta última vivimos a noite mais especial da xira. Creo que ambos tiñamos a sensación de que alí acababa de nacer algo importante…
Temos constancia do éxito que tivestes, sobre todo en Valdeorras e Ribeira Sacra aqueles anos. Que vos fixo tan populares?
A popularidade non é unha carta que tes e xogas. Responde máis a un camiño, a unha concatenación de situacións que fan que cada vez máis xente se vaia subindo a ese tren. CASTROYMONTES foi exactamente iso. Fai ben pouco, un amigo común, dicíanos que a partir de nós, empezouse a facer concertos en Monforte e arredores. A dinamización cultural é algo que nos deixou moi satisfeitos aos dous. Satisfacción por sentir que servira para que se voltara apostar pola música en directo e polos músicos da zona, que son moitos e moi bos.
A dinamización cultural é algo que nos deixou moi satisfeitos
Os 80-90 movían e moven un gran mercado da nostalxia… Sempre se di que ‘volven os 80’ pero semella que nunca se foron. Como o vedes vós?
Os 80 non se foron porque sinxelamente viven na mente de todos os que vivimos esa época dourada da música española. Son moitos os que reviven momentos a través dos nosos concertos. Esa é a maxia da música. Moitas veces sorprendémonos do enorme rango de idade nos nosos concertos. Ver rapaces de 20 anos cantando os temas di moito deses pais que, se desmerecer o actual, poñían música na casa e a compartían cos seus fillos.
E chegou un adeus… cando e como foi?
(Risas) O gran dilema. Isto deu para moitas especulacións durante todos os anos posteriores. Realmente non pasou nada entre nós, non houbo enfados, nin diferentes formas de pensar, nin esperábamos nada diferente do proxecto. CASTROYMONTES chegou a facer 94 concertos nun ano. O desgaste non o vimos vir pero no último ano viaxabamos máis do que os dous desexabamos. A enerxía non era a mesma. Necesitábamos dar un paso que nos daba vertixe aos dous. E deuse. O 28 de decembro de 2014, despois de máis de 300 concertos, CASTROYMONTES daba o seu último nun dos lugares máis especiais que podíamos tocar: O centro para persoas con discapacidade física de Bóveda (Lugo). Foi, sen dúbida, un día moi, moi emocionante para os dous. Había moitos motivos para elo.
Tras un paréntese duns anos, volvestes xuntarvos. Que vos motivou a volver e con que expectativas agora?
A volta foi coa naturalidade coa que foi a despedida xa que en ningún momento perdemos o contacto. Moita xente durante estes anos de parón nos preguntaba: “Cando?” E xurdiu en pandemia, nunha conversa de viaxe a Portugal. Plantexamos a volta para un único concerto. Os dous estamos liados en proxectos e imitar o modelo anterior agora mesmo é difícil. Por tanto, plantexamos un único concerto para reencontrarnos con toda esa xente que quixera compartilo con nós. Nun primeiro intento non puido ser polas restricións, e xa na Semana Santa do ano 2021, CASTROYMONTES voltaba a subirse a un escenario 6 anos e medio despois. Ese non foi un único concerto, esgotouse o aforo para ese xoves, púxose data para o venres que tamén se esgotou e publicouse un novo concerto (o terceiro seguido) para o sábado que tamén foi un cheo. A partir de aí, non plantexamos nada. Nunca lle pedimos nada a CASTROYMONTES, deunos demasiado como para pedirlle nada. Realmente, esperamos seguir facendo o mesmo, cando os dous poidamos, sen presión, sen ataduras, sen obriga de ningún tipo para a formación, e rodeados de todos os e as que lles apeteza vivir esta aventura con nós. O espírito co que empezamos mantense vivo. Temos a mesma enerxía, a mesma intención e, sobre todo, a mesma complicidade, esa que nunca perdemos pois somos amigos. Antes deses apelidos vai o nome, e o nome é AMIGOS.
A volta foi coa naturalidade coa que foi a despedida
O día 11 de outubro estades no local Bravo Lux da Rúa. Repertorio clásico, revival e grandes hits? Algunha sorpresa?
Nos nosos concertos sempre hai sorpresas, moitas veces incluso para nós mesmos. A iso tamén contribúe a ausencia de planificación do concerto. Sempre nos subimos cos primeiros temas na cabeza, pero a partir de aí todo pode suceder… Buscamos máis a frescura e naturalidade que levar as cousas encorsetadas. Digamos que o obxectivo e crear un desorde organizado.
En canto ao repertorio, CASTROYMONTES é unha viaxe a través da que foi a banda sonora das nosas vidas. Temas que lle soarán e coñecerá o público e nas que poderán cantar, bailar, e vivir unha noite especial con nós.