Publicadas as condicións e épocas hábiles de caza para a tempada 2016-2017
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución na que tamén se determinan as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies
- O período hábil para exercer esta práctica, válido con alcance xeral, será o comprendido entre o 16 de outubro de 2016 e o 6 de xaneiro do 2017
- A norma define tamén as especies, os métodos e as limitacións xerais ou particulares para desenvolver esta actividade na comunidade galega
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2016-2017.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborou esta norma que regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer a práctica cinexética, os métodos autorizados e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio desta actividade na Comunidade Autónoma durante a próxima tempada 2016-2017.
Segundo o establecido nesta Resolución, a vindeira tempada de caza abarca desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2017, establecéndose como o período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre os días 16 de outubro de 2016 e 6 de xaneiro de 2017, ambos incluídos. Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico.
Novidades
Entre as principais novidades que se recollen para a nova tempada, destaca o feito de que nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea, autorízase o adestramento de cans sobre esta especie, sen petición previa, desde o 7 de xaneiro ata o 15 de marzo de 2017 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.
Nos terreos de réxime cinexético especial establécese un período mínimo de dous meses consecutivos durante o cal non se pode adestrar cans nin aves de cetraría (escollidos nun único período entre abril e xullo, proposto polo titular do terreo cinexético, entendéndose no seu defecto que se corresponde cos meses de maio e xuño).
En canto á caza do raposo nos Tecor e explotacións cinexéticas comerciais, posibilítase realizar batidas de xestión en toda a súa superficie os sábados do período hábil de caza menor, cando se planificaran e executaran actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo.
No tocante ao aproveitamento cinexético da cabra montés, está prohibida a súa caza, excepto nos Tecor do Xurés especificados no plan de aproveitamento cinexético, aprobado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, aumentándose o período de caza para esta especie respecto ao da tempada anterior, ao permitir a súa caza dende o 15 de setembro de 2016 ata o 15 de marzo de 2017.
Mediante a modalidade de cetraría, permítese a caza da gaivota chorona común (Larus ridibundus), corona clara (Larus argentatus), estorniño pinto (Sturnus vulgaris), pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone), tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño.
Nos terreos de réxime cinexético especial con autorización do titular do aproveitamento e nas zonas libres de caza, con autorización da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza.
Réximes por especies
ESPECIE |
PERÍODO HÁBIL |
OBSERVACIÓNS |
Arcea e Agacha |
Prorrógase o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial ata o 12 de febreiro | |
Raposo |
Autorízanse batidas en dous períodos: dende o 03/09/16 ata o 15/10/16 e dende o 07/01/17 ata o 12/02/17, os xoves sábados, domingos e festivos | Tamén se poden autorizar batidas de xestión os sábados do período hábil de caza menor (do 16/10/16 ata o 06/01/17) cando nos Tecor e explotacións cinexéticas comerciais se planificaran e executaran actuacións de mellora sobre poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas polo raposo |
Paspallás |
Non hai novidades |
As modalidades en man e ao salto, permiten un máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza |
Corzo |
Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento das femias, permitindo a súa caza puntual e localizada, como consecuencia dos danos que poidan ocasionar | Sempre e cando se solicite e xustifique, autorizarase a caza das femias adultas en descaste nas modalidade de axexo, batida ou montaría en dous períodos: ben do 03/09/16-15/10/16 ou ben do 07/01/17-05/02/17 a elección do titular do aproveitamento |
Xabaril |
O período hábil de caza en terreos de réxime cinexético especial e do 27/08/2016 ata o 15/01/2017 xoves, sábados, domingos e festivos. En terreos de réxime cinexético común do 27/08/2016 ata o 31/08/2016 e do 07/01/2017 ata o 15/01/2017 os xoves, sábados, domingos e festivos, e do 01/09/2016 ao 06/01/2017 unicamente os sábados. | |
Cervo, gamo e muflón |
O período de caza con todas as modalidades de caza é do 16 de outubro ao 15 de xaneiro | |
Cabra montés |
A modalidade permitida é o axexo, autorizándose a caza de machos selectivos e femias adultas en descaste dente o 15.09.2016 ata o 31.10.2016, e de machos trofeo dende o 15.12.2016 ata o 15.03.2017 |