Proxecto rurAllure: Folgoso do Courel, o primeiro de Europa
- O Concello de Folgoso do Courel convértese no primeiro de Europa en apoiar o proxecto rurAllure, que promove a Fundación Uxío Novoneyra
- A alcaldesa asinou o documento que converte ao Concello no primeiro socio colaborador dunha iniciativa que pretende atraer aos peregrinos a que coñezan o patrimonio cultural e literario que perimetra as rutas do Camiño Francés e o de Inverno
- A iniciativa ten como obxectivo a promoción de museos e espazos culturais en áreas rurais nas proximidades dos camiños de peregrinación de Europa e está financiada pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea
A sinatura dunha carta de apoio ao proxecto europeo rurAllure por parte da alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, converte ao Concello de Folgoso do Courel no primeiro de Europa en dar apoio a esta interesante iniciativa na que participa como socio promotor a Fundación Uxío Novoneyra.
A proposta ten como obxectivo a promoción de museos e espazos culturais en áreas rurais nas proximidades dos camiños de peregrinación de Europa e está financiada pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.
Trátase dun proxecto que terá 3 anos de duración e que pretende fomentar a cooperación cultural e o turismo sostible a través da unión de 15 entidades europeas de 10 países que traballarán no deseño de estratexias conxuntas coas que atraer turistas.
Atraer turistas ao Courel
O papel da Fundación Uxío Novoneyra, xunto coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel, será o de executar en Galicia as accións ao redor dos Camiños de Santiago, en concreto do Camiño Francés e o Camiño de Inverno para atraer aos camiñantes e que se acheguen a coñecer o patrimonio cultural e literario que perimetra as rutas, e en concreto convidalos a achegarse ao Courel.
O Camiño de Santiago servirá como base para atraer aos peregrinos cara o patrimonio literario e cultural que vertebra as rutas a Compostela.
Para conseguir este obxectivo levarase a cabo un programa piloto para captar a eses turistas, que terá un forte compoñente tecnolóxico que permita mapear todo o patrimonio cultural e xeolocalizar os puntos de interese para conseguir así que eses peregrinos se desvíen ata o Courel. O proxecto piloto contará cunha plataforma tecnolóxica cuxo desenvolvemento liderará a Universidade de Vigo.
Ademais da Fundación Uxío Novoneyra tamén participan no proxecto a Universidade de Vigo e a da Coruña, cun orzamento para Galicia de máis dun millón de euros. O coordinador do proxecto é o catedrático de telecomunicacións Martín López Nores.
O Courel, área de actuación prioritaria
O Concello de Folgoso do Courel será a área de actuación prioritaria no programa piloto, tanto por proximidade e relevancia turística como pola súa localización estratéxica entre ambas as vías de peregrinación. Con este traballo desde a Fundación Uxío Novoneyra agardan contribuír ao desenvolvemento da oferta turística da zona deseñando produtos de turismo literario.
Papel do Concello
Coa adhesión ao proxecto rurAllure como socio colaborador, o Concello de Folgoso do Courel comprométese a facilitar información e datos sobre os fluxos e oferta turística do municipio, divulgar os avances e resultados do proxecto nos medios ao alcance do Concello (oficina de información turística, páxina web, etc.), así como contribuír á divulgación dos avances e resultados do proxecto entre a veciñanza do Concello (empresarios, profesionais, etc.).