Proxecto que mellorará e ampliará o camiño público do Polígono Industrial de O Reboredo

  • O Alcalde anuncia a licitación
  • José Tomé Roca, destacou en rolda de prensa que esta mellora converterá a dito camiño nunha nova rúa que vai favorecer o desenvolvemento e a ampliación de dito Polígono
  • Os tramos da vía que se inclúen no presente proxecto suman un total de 8.503 m2 e a lonxitude sobre a que se actuará será de case medio quilómetro
  • O actual camiño, que na actualidade ten un ancho inferior a 4 metros, ampliarase para crear unha rúa de 16,50 metros de anchura total
  • “Dende o Concello, apostamos claramente polo desenvolvemento deste Polígono de O Reboredo, tanto nas súas infraestruturas viarias, como nos servizos de mellora de alumeado, mellora de abastecemento de auga, e melloras no saneamento e promoción diante do tecido empresarial, o que está dando uns excelentes resultados, dado o nivel de venta de parcelas que está practicamente esgotado”, destacou o Alcalde
  • Este proxecto ten un custe de licitación de 355.627,16 euros (IVE engadido), e o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación, o cal agárdase que sexa hoxe día 12 de xullo, polo que o prazo de presentación estaría aberto ata o 7 de agosto ás 14.00 horas
  • “Con este proxecto de mellora e ampliación deste camiño público no Polígono Industrial do Reboredo, contribuiremos a facilitar as comunicacións internas do polígono, dotándoo dunha nova vía cun ancho de carril axeitado para cubrir as necesidades comunicativas tanto das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, como as futuras empresas que o polígono albergará nos vindeiros meses” subliñou o Alcalde

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, deu a coñecer onte un novo proxecto incluído no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural, desenvolto polo Equipo de Goberno monfortino.

Trátase do proxecto de mellora e ampliación dun camiño público existente no Polígono Industrial do Reboredo, para convertelo nunha nova rúa que vai favorecer o desenvolvemento e a ampliación de dito Polígono.

Dende o Concello, apostamos claramente polo desenvolvemento deste polígono, tanto nas infraestruturas viarias, como nos servizos de mellora de alumeado, mellora de abastecemento de auga, e melloras no saneamento e promoción diante do tecido empresarial, o que está dando uns excelentes resultados, dado o nivel de venta de parcelas que está practicamente esgotado

, destacou o Alcalde.

O mencionado camiño, que é propiedade do Concello de Monforte de Lemos, mellorarase e ampliarase cara ó seu lado oeste. A vía presenta, na totalidade dos tramos afectados, un firme de terreo vexetal con zonas moi húmidas. “Por todo iso, e debido o mal estado deste camiño, decidimos mellorar, ampliar e urbanizar o mesmo” explicou Tomé Roca.

 
A única vía pública do Polígono que faltaba por urbanizar

Os tramos da vía que se inclúen no presente proxecto, forman parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte de Lemos, e suma un total de 8.503 m2. A lonxitude sobre a que se actuará é de 490 metros lineais, case medio quilómetro.

En concreto, as obras que se proxectan consisten na ampliación de devandito camiño, que na actualidade ten un ancho inferior a 4 metros, para crear unha rúa de 16,50 metros de anchura total. Do mesmo xeito, tamén será urbanizada completamente dita rúa (luz, auga e saneamento).

A nova vía resultante contará, no seu tramo principal, con:

  • Unha calzada de 7 metros de anchura, composta por dous carrís de 3,50 metros.
  • Dous aparcamentos, a ambos lados da vía de 2,25 metros
  • Beirarrúas peatonais de 2,50 metros de anchura a ambos lados da vía.

O segundo tramo da vía, que é perpendicular ó primeiro, construirase para dar acceso á rotonda, cun ancho total tamén de 16,50 metros. Constará de:

  • Unha calzada de 9 metros, con dous carrís de 4,50 metros cada unha.
  • Dúas beirarrúas a ambos os dous lados de 3,74 metros cada unha.

A Alcalde matizou que “con mellora e ampliación deste camiño o noso obxectivo é pechar o Polígono do Reboredo polo seu lado este, xa que esta era a única vía existente no Polígono que falta por urbanizar”.

Licitación do proxecto

Este proxecto ten un custe de licitación de 355.627,16 euros (IVE engadido), e o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación, o cal agárdase que sexa hoxe día 12 de xullo, polo que o prazo de presentación estaría aberto ata o 7 de agosto ás 14.00 horas.

Os criterios de valoración para a elección da proposta máis vantaxosa será a oferta económica (un 60% da puntuación total) e as melloras de: sustitución da capa de aglomerado de 5 cm por outra de 6 cm; a ampliación do prazo de garantía en un ano, a maiores da garantía obrigatoria que leva consigo este tipo de contratos. Cada unha destas melloras valorarase nun 10% da puntuación total.

O 20% restante corresponderá á valoración da memoria técnica relativa á execución da obra, que incluirá como mínimo un Plan de obra cos seguintes puntos:

  • Posta en obra e acopio de materiais
  • Actuacións previstas para a mellor organización da obra
  • Medios materiais a adscribir para a execución da obra
  • Melloras medioambientais propostas
  • Posible redución dos prazos de execución

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada, será de 56 días. Calcúlase que a finais do mes de agosto se poida proceder á sinatura do contrato e a previsión para o inicio das obras, se a climatoloxía o permite, no seguinte mes (setembro-outubro).

Aposta firme do Concello de Monforte polo Polígono do Reboredo

“Con este proxecto de mellora e ampliación deste camiño público no Polígono Industrial do Reboredo, contribuiremos a facilitar as comunicacións internas do polígono, dotándoo dunha nova vía cun ancho de carril axeitado para cubrir as necesidades comunicativas tanto das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, como as futuras empresas que o polígono albergará nos vindeiros meses” subliñou o Alcalde.

Na mesma liña, o rexedor municipal destacou que “o Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do noso ámbito territorial”.

 “Neste senso, teño que dicir que na actualidade o Polígono Industrial do Reboredo goza de moi boa saúde, froito dunha promoción que viñemos facendo nos últimos anos e que está dando xustamente estes froitos que desexábamos, vendéndose moitas parcelas e estando en proxecto varias construcións para darlle ese uso industrial para o que están concebidas”.

Boa mostra da saúde coa que goza é a necesidade da ampliación do Polígono para cubrir a demanda actual, necesidade que dende o Concello xa lle foi solicitada hai unhas semanas a Suelo Empresarial del Atlántico, que é a entidade que se encarga da xestión e venta das súas parcelas de uso industrial.

“Por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de melloras moi relevantes, que teñen que ver co aumento do desenvolvemento urbano e tamén coa mellora do saneamento integral do Polígono”, concluíu o Alcalde.

También te podría gustar...