Proxecto para declarar a Mascarada Ibérica coma Patrimonio Inmaterial da Humanidade
- Deputación, Vilariño de Conso e Viana do Bolo traballan no proxecto
- O goberno provincial tamén reforzou o apoio económico ao Festival Internacional ViboMask Ibérica, que contará este fin de semana coa presenza de preto de 40 entroidos de España, Italia e Portugal
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial coa alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía e o alcalde de Viana de Bolo, Andrés Montesinos. Neste encontro de traballo avanzouse na candidatura conxunta para conseguir a declaración da Mascarada Ibérica coma Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Manuel Baltar garantiu o apoio total da Deputación de Ourense a este proxecto.
O goberno provincial reforzou o apoio económico ao Festival Internacional Vibo Mask Ibérica. Nesta VII edición participarán preto de 40 entroidos de España, Portugal e Italia. As actividades comezan mañá cunha conferencia no IES Carlos Casares de Viana de Bolo, municipio que acollerá pola noite unha foliada. O fin de semana, as actividades repartiranse entre Viana e Vilariño de Conso, con concertos, teatro, exposicións, mercado de produtos locais e artesanía.
Mellora da OU-0908
O presidente da Deputación e os alcaldes de Vilariño de Conso e Viana de Bolo tamén abordaron nesta xuntanza a mellora da OU-0908, a estrada que une ambos municipios. O proxecto incluiría, entre outras liñas de actuación, a apertura de curvas e a mellora da pavimentación.