Proxecto de urbanización da contorna da Vivenda Comunitaria e da Casa do Maior de Vide de Castrelo de Miño

  • O alcalde de Castrelo de Miño anunciou o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
  • O Goberno local pretende levar a cabo unha serie de obras para urbanizar a parcela na que actualmente se atopa a Casa do Maior e a Vivenda Comunitaria no núcleo de Vide
  • O obxectivo é lograr a humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro de ambas edificacións, área de aparcamento e acceso rodado de vehículos, instalación dunha varanda de protección na costa que dá acceso á vivenda comunitaria, creación dunha nova rampa de acceso na zona posterior do edificio e unha zona arborada
  • Asemade, están a piques de rematar as obras de arranxo da cuberta da Vivenda Comunitaria, executadas grazas a un convenio colaboración asinado coa conselleira de Política Social, Fabiola García, o pasado mes de outubro por un valor de 35.000 euros

 

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, anunciou o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a colaboración co Concello de Castrelo de Miño no proxecto de urbanización da contorna da Vivenda Comunitaria e da Casa do Maior de Vide. Así o
ratificou a conselleira Ángeles Vázquez, días despois da reunión que mantivo co alcalde, Avelino Pazos, para tratar varios asuntos de interese municipal en materia urbanística.

En concreto, o rexedor explicáralle que o Goberno local pretendía levar a cabo unha serie de obras para urbanizar a parcela na que actualmente se atopa a Casa do Maior e a Vivenda Comunitaria no núcleo de Vide.

O obxectivo da actuación é facilitar o tránsito de vehículos e peóns, suprimir as actuais barreiras arquitectónicas mediante un acceso idóneo a estas instalacións, pechar perimetralmente a parcela e axardinar e dotar de mobiliario público o recinto.

Neste senso, o rexedor ourensán subliñáralle á conselleira que o proxecto busca unha mellora dos espazos públicos comúns a disposición tanto dos veciños do concello como dos usuarios destas instalacións en particular. En definitiva, o obxectivo é lograr a humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro de ambas edificacións, área de aparcamento e acceso rodado de vehículos, instalación
dunha varanda de protección na costa que dá acceso á vivenda comunitaria, creación dunha nova rampa de acceso na zona posterior do edificio e unha zona arborada.

O alcalde, Avelino Pazos, destacou a importancia desta actuación e agradécelle publicamente o compromiso da conselleira, Ángeles Vázquez, co concello de Castrelo de Miño, pois esta obra permitirá o arranxo da contorna de ámbolos dous edificios que se amosaba de xeito descoidado e sobre a que aínda non se actuara.

Asemade, están a piques de rematar as obras de arranxo da cuberta da Vivenda Comunitaria, executadas grazas a un convenio de colaboración asinado coa conselleira de Política Social, Fabiola García, o pasado mes de outubro por un total de 35.000 euros. Esta actuación permitirá solucionar os graves problemas de humidade, que afectaba a diversas instalacións do edificio, e permitirá reabrir unha habitación de dúas prazas para poder dar servizo a novos usuarios e rebaixar a lista de espera.

También te podría gustar...