Proxecto audiovisual sobre peregrinos do Camiño de Inverno ó seu paso por Monforte
- José Tomé Roca inaugurou esta mostra na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, un proxecto promovido polo Concello de Monforte e que foi desenvolto polo cineasta monfortino Manuel Valcárcel Cabo, “Piro”, que tamén participou neste acto inaugural
- Este proxecto audiovisual, composto por un documental de 15 minutos de duración e unha exposición de 10 fotografías, leva por título “Peregrinos a Santiago de Compostela polo Camiño de Inverno ao seu paso por Monforte de Lemos”
- A mostra poderá ser disfrutada por todos os monfortinos e visitantes ata o 28 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas, e con pases do documental a cada hora
- “Coa realización deste proxecto audiovisual promovido polo Concello de Monforte”, destacou o Alcalde, “contribuímos á difusión do Camiño de Inverno así como de Monforte e a Ribeira Sacra en diferentes espazos expositivos, así como conferencias, feiras e outros eventos a nivel autonómico, nacional ou mundial”
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de inaugurar o proxecto audiovisual “Peregrinos a Santiago de Compostela polo Camiño de Inverno ao seu paso por Monforte de Lemos”, promovido polo Concello e coa colaboración do Xacobeo 2021, a través do programa “O Teu Xacobeo”.
A inauguración tivo lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e ademais do Alcalde, contou coa presencia do autor deste proxecto audiovisual, o cineasta monfortino Manuel Valcárcel Cabo, “Piro”, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón.
“Coa realización deste proxecto audiovisual promovido polo Concello de Monforte”, destacou o Alcalde, “contribuímos á difusión do Camiño de Inverno así como de Monforte e a Ribeira Sacra en diferentes espazos expositivos, así como conferencias, feiras e outros eventos a nivel autonómico, nacional ou mundial”.
Esta mostra audiovisual poderá ser disfrutada por todos os monfortinos e visitantes na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro dende hoxe e ata o 28 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas, e con pases do documental a cada hora. En concreto os pases de vídeo emitiranse ás 10, 11, 12, 13, 16, 17, 18, 19 e 20 horas.
Proxecto audiovisual sobre o paso de peregrinos por Monforte
O proxecto promovido polo Concello monfortino esta formado por unha curtametraxe documental e por unha exposición fotográfica, tendo ambas como fío condutor o Camiño de Inverno ó seu paso polo Concello de Monforte de Lemos.
A curtametraxe documental conta cunha duración de 15 minutos e describe como os peregrinos que transitan por Monforte a través do Camiño de Inverno cara a Santiago de Compostela van descubrindo o patrimonio material e inmaterial, natural e histórico da cidade e da súa contorna. Uns peregrinos, procedentes de diversos puntos de España e doutros países, que son filmados e entrevistados, para contar as súas vivencias e experiencias no Camiño.
En canto á exposición fotográfica, a mostra está composta por 10 imaxes enmarcadas en cadros de 70×50 cm. nas que, a modo de resumo, se recollen momentos especiais e destacados do documental, e nas que se presta especial atención tanto ós peregrinos como ó patrimonio artístico e arquitectónico de Monforte.
Aspectos técnicos do documental
Para a filmación de imaxes, o cineasta monfortino, utilizou as últimas tecnoloxías en canto a calidade e resolución para achegar ó espectador a unha realidade estética e documental, filmando en resolución 4K, tendo en conta a durabilidade e futuro expositivo da curtametraxe.
Tamén cobrou importancia a gravación de imaxes en distintas estacións do ano, destinadas a que aqueles que vexan o documental poidan valorar as diferentes motivacións á hora de afrontar o reto da peregrinación polo Camiño de Inverno. Tamén destacan as imaxes panorámicas gravadas mediante dron.
O son tamén ten un papel moi importante dentro da curtametraxe, xa que reflecte a realidade sonora do espazo combinada coas declaracións recollidas aos peregrinos e historiadores como personaxes principais da historia.
Finalmente o documental contou cunha banda sonora orixinal adicada expresamente a este proxecto na que se tivo en conta para a súa composición a historia musical e a súa adaptación contemporánea.