Propostas para un curso escolar inclusivo

  • COGAMI recolle propostas que permitirán un curso escolar inclusivo para todo o alumnado
  • A Confederación solicita que a Administración conte coas organizacións de persoas con discapacidade no inicio desta nova etapa escolar

 

Ante o inicio do novo curso escolar, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) faise un chamamento á Educación para que conte co apoio e asesoramento das organizacións de persoas con discapacidade co fin de que a totalidade do alumnado poida formarse en igualdade de condicións.

Tras unha análise da situación das consecuencias causadas polo COVID-19 no alumnado con discapacidade, COGAMI propón medidas para que o novo curso sexa inclusivo e se adapte ás necesidades do alumnado con discapacidade, tanto no ensino presencial como no telemático ou mixto. “Nesta nova realidade non se pode poñer en risco o dereito a unha educación inclusiva e de calidade para todas as persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

A pandemia deixou latente a existencia dunha fenda dixital: non todas as familias dispoñen de dispositivos, de competencias para o seu manexo ou de conexión a internet apropiada. A isto hai que engadirlle que non sempre a tecnoloxía está adaptada, o que impide o seu acceso a estudantes con discapacidade.

Co fin de buscar solucións, COGAMI recolle un conxunto de medidas que teñen por finalidade garantir a todas as nenas e nenos unha educación en igualdade de condicións, e proponlle á Administración que conte coas organizacións de persoas con discapacidade para que o curso responda ás demandas do alumnado con necesidades educativas especiais. “O curso escolar ten que producirse coa maior garantía para preservar e protexer a saúde de todas as persoas e con todos os apoios que o alumnado necesita”, engade Queiruga.

Entre as medidas que propón adoptar COGAMI está a de implementar metodoloxías inclusivas na educación e implantar o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) en todos os procesos educativos, fomentando a aprendizaxe colaborativa coa finalidade de facilitar a integración da diversidade.

O alumnado con necesidades educativas especiais debe contar con persoal de apoio para evitar a sobrecarga nas familias, adoptando medidas de conciliación necesarias para aquelas familias con alumnado en modalidade a distancia ou mixta. Esta nova realidade debe de incorporar a perspectiva da discapacidade como elemento transversal, sendo necesario garantir a atención integral centrada na persoa e acorde ás necesidades específicas do alumnado incrementando, no marco da pandemia actual, a coordinación cos centros sanitarios, especialmente naqueles onde haxa alumnado de alto risco con afeccións crónicas vulnerables á infección por Covid-19, contando cun protocolo específico de actuación.

Outras medidas recollen a necesidade de que os programas educativos fomenten a diversidade e teñan en conta as especificidades do alumnado con necesidades educativas especiais así como proporcionar materiais e recursos necesarios, como por exemplo un profesorado formado en novas tecnoloxías, capacitar ao alumnado e ás familias nas competencias dixitais necesarias, a dotación de persoal de apoio, dispositivos electrónicos, conexión a internet ou contar con produtos de apoio,… de cara a dar resposta ás carencias e necesidades que puideran producirse no proceso de ensino-aprendizaxe.

Por último, dende COGAMI vese necesario reforzar os programas contra o acoso escolar tendo en conta a situación de maior vulnerabilidade do alumnado que ten discapacidade, co fin de detectar e sensibilizar acerca de casos de violencia e abusos na contorna escolar, familiar ou noutros ámbitos, así como desenvolver actuacións para previr o estigma ou discriminación en relación co COVID-19.

También te podría gustar...