Proposta de convenio FEGAMP-Xunta para mobilizar vivendas desocupadas para alugueiro social
- A Xunta preséntalle a Fegamp unha proposta de convenio de colaboración para mobilizar vivendas desocupadas coa fin de destinalas a alugueiro social
- Os conselleiros José Manuel Rey Varela e Ethel Vázquez Mourelle reuníronse hoxe co presidente e a xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias
- O titular de Política Social considerou de “vital importancia” o fomento da colaboración entre administracións, xa que “a mellora da planificación e dos criterios que rexen as políticas sociais é unha cuestión que debemos abordar entre todos”, afirmou
- A conselleira de Vivenda detalla que o acordo proposto consiste en que os concellos mobilicen voluntariamente vivendas desocupadas para destinalas ás familias en dificultades e a Xunta financie un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro das rendas con asistencia xurídica
- Vázquez destaca que con este convenio se busca ofrecer garantías dunha vivenda digna a quen máis o necesita, aproveitando as posibilidades do mercado de alugueiros e coa coordinación dos municipios
A Xunta de Galicia presentoulle hoxe á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) unha proposta de convenio, ao que se poderán adherir voluntariamente os concellos galegos, mobilizando vivendas desocupadas co obxecto de destinalas a alugueiro social.
Os conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiveron hoxe unha reunión de traballo co presidente da FEGAMP e Alcade do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez, e a xunta de voceiros. Neste encontro, que se celebrou na sede deste organismo, tamén participaron os directores xerais de Inclusión Social e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Arturo Parrado Puente e Heriberto García Porto, respectivamente.
A través desta reunión, o Goberno galego e a FEGAMP abriron a porta a novas canles de colaboración en políticas sociais e de vivenda para responder dun xeito coordinado e máis eficaz ás necesidades actuais que existen na sociedade nestes dous ámbitos.
José Manuel Rey Varela destacou a importancia que ten afondar no diálogo e na coordinación para que os recursos públicos, os programas e as medidas sociais cheguen máis e mellor ás familias, en especial, a aquelas con menos posibilidades económicas e que son as que máis precisan do apoio das administracións. Ao respecto, o conselleiro afirmou que “a mellora da planificación e dos criterios que rexen as políticas sociais é unha cuestión que debemos abordar entre todos, xa que os servizos sociais non son dunha ou doutra administración senón que pertencen á xente aos que van dirixidos”. Así mesmo, o titular da carteira autonómica de Política Social amosouse convencido do papel primordial que teñen os Concellos na prestación de servizos sociais posto que “son a administración máis próxima aos cidadáns e, polo tanto, a primeira porta de entrada ás demandas sociais e a máis pegada á realidade cotián”, dixo.
O conselleiro considerou de “vital importancia” o fomento da colaboración entre as administración autonómica e os entes locais. De aí que na entrevista cos dirixentes da Fegamp abordara o desenvolvemento de medidas e accións en materia de inclusión social como axudas directas ás familias con menos recursos para o pagamento de servizos e produtos básicos ou o reforzo dos servizos sociais comunitarios, entre outras. Neste sentido, Rey Varela lembrou que o Goberno galego destina este ano máis recursos á execución do Plan Social contra a Desigualdade Económica, que conta coa participación de varias Consellerías e no que se recollen iniciativas como o tícket eléctrico –para evitar cortes de subministro eléctrico por recibos non pagados ou retrasos-, axudas para a compra de material escolar, ou o programa Reconduce –para atender a familias en risco de perder a súa vivenda por non poder adebedar a hipoteca ou o alugueiro-.
Convenio para mobilizar vivendas baleiras
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, apostou pola colaboración entre a Xunta e os concellos para favorecer que os propietarios das vivendas baleiras as poñan voluntariamente á disposición dos entes locais e estas poidan ser ofrecidas en réxime de alugueiro social. Concretou que segundo a proposta de acordo presentada, a Xunta financiará unha serie de garantías como un seguro multirrisco do fogar, do que se fará cargo o Instituto Galego da Vivenda e Solo; e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas que inclúe asistencia e defensa xurídica.
Vázquez destacou que con este convenio búscase ofrecer garantías dunha vivenda digna a quen máis o necesita, aproveitando as posibilidades do mercado de alugueiros e coa coordinación dos concellos, que son as administracións con máis competencias en servizos sociais e que máis directamente se relacionan cos cidadáns.
A conselleira concluíu que se trata de avanzar na colaboración entre Xunta e Concellos para ofrecer unha atención máis eficaz a aquelas persoas con maiores dificultades para acceder a un fogar. Neste sentido, precisou que esta é a vontade do Goberno galego, poñendo os medios e medidas necesarias -con esta xa serían 11 as activadas- para chegar aos afectados e ofrecerlles solucións.