Promoción do uso do galego na arquitectura coa entrega dos Premios Manuel Gómez Román da Asociación ‘Setestrelo’
- Estes galardóns impulsan o uso da lingua galega nos proxectos urbanísticos e pretenden a posta en valor dos bens patrimoniais de Galicia
- Manuel Seoane e os Estudios Sabín-Blanco e Abalo Alonso, premiados desta edición
- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi nomeado novo membro de honra da asociación
A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda, ‘Setestrelo’, celebrou onte a gala de entrega dos premios ‘Manuel Gómez Román’ de arquitectura -que recaeron en Manuel Seoane e os Estudios Sabín-Blanco e Abalo Alonso- e maila cerimonia de nomeamento dos novos membros de honra. Tanto o recoñecemento público como a entrega de credenciais aos membros honoríficos outórganse a persoas que destacan “pola súa achega profesional ou persoal no eido da cultura, do patrimonio, da economía, do ensino ou calquera outro favorecedor do desenvolvemento e mellora de Galicia”.
Na quenda para os agradecementos, Valentín García lembrou “a singularidade destes galardóns ao contemplar o emprego da lingua galega en proxectos e promocións de edificacións novas ou restauradas. Trátase dun sector con presenza expresa no Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico e que ten grande importancia e alcance na nosa sociedade”. Lembrou como a lingua galega “debe gañar presenza nos estudios de arquitectura, nos proxectos e direccións de obra, que provocará un efecto multiplicador nas iniciativas empresariais que completan o ciclo da construción e mantemento dos bens construídos”.
Como partes implicadas en todo este proceso, os compoñentes de ‘Setestrelo’ destacaron como membros de honra en 2016 á Valedora do Pobo, Milagros Otero; ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; ao director de Proxecto Home en Galicia, Ramón Gómez; e ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; entre outros nomeados.
Premios ‘Manuel Gómez Román 2015’
A medalla de prata dos premios que levan o nome do egrexio arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, outorgóuselle nesta edición ao arquitecto ourensán Manuel Seoane Feijoo, en recoñecemento ao seu “amplo labor profesional, pola súa traxectoria como arquitecto, como docente da Escola de Artes Antonio Faílde de Ourense e polo labor de investigación e difusión da cultura e da historia da bisbarra da Limia, en particular a través da edición da revista ‘Lethes’”, indicou o presidente da asociación, Francisco Nóvoa.
Tamén destacou “a relación que o premiado mantén coa Asociación de Amigos do Castelo de Maceda, participando no xurado en representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia” na edición de 2013.
Na modalidade de edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas, resultaron gañadores Enrique Blanco e Patricia Sabín, do Estudio Sabín-Blanco de Miño (A Coruña), polo proxecto de rehabilitación para vivenda da Casa do Parque das Fragas do Eume-Monfero.
Na categoría de construcións adxectivas rehabilitadas ou reconstruídas, mereceron o recoñecemento Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso, do Estudio Abalo Alonso Arquitectos de Santiago de Compostela, polo proxecto de recuperación das Hortas da Caramoniña da capital de Galicia.
Nestas dúas modalidades, a asociación persegue “estimular a recuperación da arquitectura tradicional galega cos valores propios da nosa terra, entre os que se atopa a lingua, seguindo o criterio de orixinalidade, tanto nas formas coma nos materiais empregados na rehabilitación”.
A asociación ‘Setestrelo’
A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda constituíuse no ano 2009, a iniciativa dun grupo de macedáns comprometidos coa cultura e mailo patrimonio, como unha entidade sen ánimo de lucro.
Como principais obxectivos destacan a defensa do patrimonio arquitectónico e inmaterial, histórico e cultural do Castelo de Maceda, e a creación duns premios á protección do patrimonio monumental e arquitectónico popular.