Promoción do destino Galicia na India

  • Galicia presenta a súa oferta turística nos mercados emisores máis importantes da India
  • Turismo de Galicia participa ata o vindeiro día 17 nas xornadas de promoción que se desenvolven nas cidades de Bombai, Bengalore e Calcuta
  • O departamento de Turismo da Xunta fará fincapé na promoción do Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa cultura, a natureza e a gastronomía

 

 

Bombai

Bombai

As cidades indias de Bombai, Bengalore e Calcuta acollen estes días as xornadas de promoción do destino Galicia nas que Turismo de Galicia presenta a oferta turística da Comunidade galega centrada no Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.

Nestas xornadas, organizadas por Turespaña, o departamento de Turismo da Xunta manterá xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos do país asiático, considerado na actualidade como un dos mercados emisores emerxentes máis importantes.

Deste xeito, Turismo de Galicia reuniuse hoxe cos principais axentes de viaxes da contorna de Bombai, nunha presentación que se desenvolveu no hotel Four Seasons desta cidade india. Pola súa parte, mañá, venres, presentará a oferta turística galega en Bengalore, nunha xuntanza profesional que terá lugar no hotel Brigade Getaway.

Por último, dentro destas xornadas de promoción directa, os operadores turísticos de Calcuta poderán coñecer a oferta turística galega e as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas nunha reunión que se desenvolverá o día 17 no hotel Taj Bengal Kolkata.

Segmentación

Na súa estratexia de promoción turística neste mercado asiático, Turismo de Galicia aposta pola segmentación, de xeito que a promoción se basea en produtos específicos relacionados coa cultura, a gastronomía, a natureza, ademais das compras e os congresos. Ademais, como elemento diferencial, o departamento de Turismo da Xunta inclúe o Camiño de Santiago.

No eido da demanda turística, salienta o potencial deste continente, xa que en 2030, segundo datos de Turespaña, está previsto que os distintos mercados asiáticos xeren 530 millóns de turistas.

También te podría gustar...