Promoción do Camiño de Inverno: pintura e música

 

O próximo sábado, día 20 de novembro, a partir das 17:30 horas, na Rúa Real do Barco (debaixo da Praza Maior), AEVA organiza un acto para presentar  publicamente o mural que está elaborando, nesta localización, o artista Juan Carlos Abraldes.

Esta actividade forma parte do proxecto de Promoción do Camiño de Inverno, enmarcado Programa AEVAempregaTE III, que financia a Deputación Provincial de Ourense, e que ten como obxectivo fundamental promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística, fomentar o seu coñecemento entre a cidadanía, e poñer en valor os recursos turísticos estratéxicos desta variante do Camino de Santiago.

Aproveitando o próximo remate do mural, de 6 metros de ancho por 8 metros de alto, o acto programado para día 20 de novembro consistirá na exhibición do traballo do artista combinada coa música en directo da banda valdeorresa “Clon Bois”, cuxo repertorio está constituído fundamentalmente por versións de rock/pop internacional. 

Tratase deste xeito de fomentar a participación dos espectadores no proceso de remate do mural, e tamén de amenizar a actividade promovendo e dando visibilidade aos músicos comarcais.

A actividade será de acceso libre e gratuíto. 

Nos próximos días Juan Carlos Abraldes iniciará os traballos de elaboración do mural no concello da Rúa, na avenida de Somoza, na parede do túnel.

Do mesmo xeito que fixo no Barco, a temática do lenzo conxugará elementos patrimoniais característicos da localidade con sinais de identidade propias do Camiño de Inverno.

Ademais do patrocinio da Deputación de Ourense, os Concellos do Barco e da Rúa veñen colaborando tamén no desenvolvemento deste proxecto.

También te podría gustar...