Programación 25-N en Viana do Bolo

25N: DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

 

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, o Concello de Viana do Bolo, a través do seu Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a Concellería de Igualdade , ten previsto levar a cabo unha serie de actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidas a toda a poboación vianesa:

Baixo o lema”Que non che corten as ás” temos programados os seguintes actos e eventos para conmemorar esta sinalada data: 

  • Elaboración do mural “Que non che corten as ás”: Un proxecto colaborativo apto para todas as idades no que se realizará un orixinal mural formado por unha morea de mariposas que previamente cada veciño e veciña terá que decorar e personalizar.

O mural será exposto o 25 de novembro a modo de Photocall na Praza Maior de Viana e simbolizará a «loita» das veciñas e veciños contra a violencia machista.

Esta actividade terá lugar a tarde do 22 de novembro (dirixida a nenos/as de entre 3 e 12 anos) e durante o 23 de novembro (cos grupo de memoria e apoio escolar da Cruz Vermella).

  • “Golpes”: Un espectáculo escénico dirixido ao alumnado do IES Carlos Casares e protagonizado pola actriz Estíbaliz Veiga. “Golpes” narra a vida de Pamela, unha rapaza que nos conta a súa vida, os seus soños, como era romántica, que aprendeu dunha relación que non debeu vivir . Tratando e previndo a desigualdade dende onde nacen as relacións (a adolescencia).

A actividade terá lugar durante a mañá do 24 de novembro.

  • Conmemoración “25 de novembro”: Durante a mañá do 25 de novembro terá lugar unha concentración na Praza Maior e lectura dun manifesto contra a violencia machista. Ademais, o CIM instalará unha mesa informativa e photocall para concienciar á veciñanza contra a violencia machista.
  • Concerto musical “Con nome de muller”: Dúo de piano e voz a cargo de Cristian Leggiero & Paty Lesta, que farán un percorrido polas cancións máis famosas con nome de muller e tratarán a violencia contra as mulleres a través da música.

Algunha das cancións que se atopan no repertorio son: Lucía, Lía, Lela, María se bebe las calles, Noelia, Penélope, La Puerta Violeta entre outras…

  • Obradoiros de igualdade no CEIP Bibei: A escritora Andrea Barreira impartirá unha serie de divertidos e orixinais obradoiros a parte do alumnado do CEIP Bibei nos que a prevención da violencia e a promoción da igualdade serán os fíos condutores.

A actividade terá lugar durante a mañá do 29 de novembro no centro escolar.

Un ano máis, o obxectivo desta programación e concienciar e sensibilizar a sociedade vianesa sobre unha lacra que cada ano provoca gran dor e sufrimento a moitas mulleres e as súas familias.

También te podría gustar...