Programa Principia: contratación de preto de 140 mozos investigadores en 57 empresas

  • A Xunta apoia a contratación de preto de 140 mozos investigadores en 57 empresas galegas a través do programa Principia
  • Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a resolución desta iniciativa coa que se financian contratos cunha duración mínima dun ano en empresas e centros de investigación galegos
  • Os beneficiarios, que desenvolverán o seu traballo de I+D+i en Galicia, son universitarios menores de 35 anos e non contan cunha experiencia superior aos 12 meses na súa categoría profesional
  • A iniciativa busca reforzar a inserción laboral de profesionais moi cualificados no tecido produtivo galego fomentando o emprego de calidade ao ter primado nos seus criterios de avaliación a contratación indefinida ou de máis longa duración
  • O programa, que se enmarca na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), responde ao obxectivo da Xunta de captación e retención de talento

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución do programa Principia da Consellería de Economía, Emprego e Industria co que se apoiará a contratación de preto de 140 mozos e mozas investigadores en 57 empresas e organismos de investigación de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a carreira profesional dos beneficiarios, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

Mediante estes contratos, que teñen unha duración dun mínimo dun ano, o Goberno galego busca así abrir unha porta ao mercado laboral aos titulados con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 cun ano ou menos de experiencia laboral na súa categoría profesional. Búscase que o programa lles sirva como ancoraxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, evitando a súa marcha a outras comunidades ou países e reforzando a competitividade da investigación e o tecido empresarial galegos.

O programa fomenta, ademais, o emprego de calidade ao ter primado nos seus criterios de avaliación os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario a percibir polas persoas contratadas ou a existencia de plans de formación e cualificación dentro das empresas ou entidades beneficiarias.

O apoio da Xunta é de 10.000 euros por contrato, e o custo mínimo anual por cada persoa traballadora contratada, incluídos tanto os custos laborais como os da seguridade social a cargo da empresa, é de 24.000 euros.

As actividades que desenvolverán os mozos e mozas beneficiarios do Principia deberán executarse en Galicia, e en tarefas relacionadas cos retos e prioridades da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), de forma que o seu labor contribúa a impulsar a folla de ruta da innovación galega ata 2020.

Deste xeito, entre as actividades propostas polas entidades beneficiarias destacan a valorización dos recursos do mar; modernización da acuicultura e dos sectores agrogandeiro, pesqueiro e forestal; mellora da obtención de enerxía a partir dos recursos naturais; modernización do sector turístico e das industrias culturais a través das TICs; diversificación dos sectores industriais tractores; mellora da competitividade industrial e impulso da economía do coñecemento; envellecemento activo; e alimentación saudable e segura.

Unha vez resoltas as axudas, as entidades procederán agora á contratación do persoal, coa data límite para asinar os contratos do 1 de decembro de 2016.

A Xunta de Galicia continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego, e con ela a competitividade da comunidade. Neste senso, a Axencia Galega de Innovación (Gain) ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos programa -que apoian a forza laboral dos centros tecnolóxicos e as fundacións sanitarias-, ou as Unidades Mixtas de Investigación.

También te podría gustar...