Programa Primare: innovación nos sectores primarios
- A Xunta impulsa a innovación tecnolóxica dos sectores primarios de Galicia coas iniciativas do programa Primare
- A Amtega, en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e de Mar, creará unha plataforma tecnolóxica que ofrecerá diferentes servizos dixitais para mellorar a competitividade do ámbito agrícola, gandeiro e pesqueiro
- Publicouse no DOG unha consulta preliminar ao mercado, que abre o proceso de compra pública de tecnoloxía innovadora no sector agrario
- O primeiro reto é a construción dun sistema innovador de xestión dixital das parcelas vinculadas á Política Agraria Común
- Tamén no marco de Primare, está en marcha a dixitalización das lonxas galegas
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e Mar, puxo en marcha o Programa Primare para impulsar a innovación dos sectores primarios galegos. Así o expuxo hoxe o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de Amtega, Carlos Vázquez, na presentación do Polo de Innovación dixital para o sector agro-alimentario galego da Universidade de Santiago de Compostela e Gradiant.
Primare aplicará as TIC ao desenvolvemento de solucións intelixentes para mellorar os procesos de explotación, xestión e produción agrícola e pesqueira para aumentar a competitividade destes sectores, mellorar o seu acceso e posicionamento nos mercados, previr a fraude e garantir a calidade, seguridade e trazabilidade dos produtos.
Plataforma Tecnolóxica
Para conseguir estes obxectivos, Primare contempla a creación dunha plataforma tecnolóxica sobre a que se desenvolverán os distintos servizos e soluciones TIC específicos para cada sector. No ámbito agrario, o desenvolvemento da plataforma levarase a cabo polo procedemento de Compra Pública Innovadora, cuxo primeiro paso foi a apertura o pasado 26 de setembro da consulta preliminar ao mercado. Unha vez finalizada esa fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas na consulta.
Xestión dixital de cultivos e inspeccións intelixentes
No ámbito agrícola o obxectivo é desenvolver a tecnoloxía axeitada para avanzar cara unha agricultura dixital. A plataforma dotará de novas ferramentas tecnolóxicas tanto a produtores como a xestores. Por unha banda, facilitará a xestións das Axudas da PAC, a través de inspeccións intelixentes, que axilizarán o labor anual que se realiza en mais de 1 millón de parcelas ao ano. Por outra banda, permitira aos agricultores contar con ferramentas tecnolóxicas para facer un seguimento dixital das súas parecelas e cultivos, e que lles facilitarán as xestións por vía telemática coa administración.
Este reto abordarase facendo uso das últimas innovacións en tecnoloxías de BigData, sensorización e uso de drones. Esta iniciativa enmárcase no convenio subscrito polo Ministerio de Economía y Competitividad, GAIN e a Amtega para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras de uso civil que requiran do uso de vehículos non tripulados – Civil UAVs Initiative- e conta cun financiamento de 4 millóns e euros achegados polo MINECo e a Xunta de Galicia.
Dixitalización das lonxas
No ámbito do Mar iniciouse, tamén, o proceso de dixitalización das lonxas, que terán na plataforma tecnolóxica de Primare o acceso a un sistema de pesada e clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que se estaba realizando de forma manual. Esta actuación redundará nunha axilización destes procedementos e posibilitará as poxas online e mellorará a comercialización. Iniciarase en preto de media ducia de lonxas a través dunha fase piloto e irase estendendo ao resto das rulas. A Consellería do Mar destina a esta iniciativa máis de 3,8 millóns de euros no período 2016-2019.