Programa EsquiOU 2022
- A Deputación de Ourense ofrece máis de 700 prazas
- Desde o luns, día 13, estará aberto o prazo de inscrición para gozar durante tres días dun amplo plan de actividades na estación de montaña de Manzaneda
O próximo luns, día 13, abrirase o prazo de inscrición para participar no programa EsquiOU 2022, unha iniciativa da Deputación Ourense, en colaboración coa estación de montaña de Manzaneda, que oferta un total de 735 prazas para que as nenas e nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2013 podan gozar dun amplo plan de actividades a desenvolver durante tres días nas instalacións de montaña, incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e multiaventura, entre outras opcións.
Os inscritos serán divididos en sete quendas de 105 prazas cada unha a través dun reparto baseado na proximidade xeográfica, de tal xeito que os grupos sexan máis homoxéneos e mesmo os participantes podan coñecerse con anterioridade, facilitando a integración e a convivencia. As quendas establecidas son: do 24 ao 26 de xaneiro para rapazas e rapaces de Terra de Celanova e Baixa Limia; Do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro para os procedentes de Allariz, Maceda e A Limia; do 7 ao 9 de febreiro corresponderalle a estadía ás comarcas do Ribeiro e Carballiño; do 14 ao 16, Verín e Viana; do 21 ao 23, Valdeorras; do 28 de febreiro ao 2 de marzo, Ourense; e por último do 7 ao 9 de marzo os inscritos desde Terra de Caldelas e Terra de Trives.
Todos os interesados no programa EsquiOU poden inscribirse exclusivamente a través do enderezo electrónico esquiou@depourense.es ata o 15 de xaneiro de 2022. O custo é de 29 euros, sendo o resto do importe da estadía subvencionado pola Deputación de Ourense. A selección dos participantes será por rigorosa orde de inscrición.