Programa de actividades moi completo no CCP Xaquín Lorenzo
- Programa de actividades do CCP Xaquín Lorenzo da Deputación do curso 2016-2017
O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense comezou o curso 2016-2017 o pasado mes de outubro cun programa de actividades moi completo. Concretamente, no que se refire á Escola Provincial de Danza comezou coas clases de Baile, Pandeireta e Canto, de Gaita para acompañamento de grupos de baile, e co Obradoiro de Tecido Tradicional, dirixido a todas as persoas maiores de 5 anos.
Por outra parte, no marco das actividades organizadas de cara ao público que se realizaron ata o momento destaca a participación de diferentes grupos da Escola de Danza no XVII «Festival de Cantareiras O Son dos Antergos», celebrado en Ferrol o 15 de outubro, xunto cos grupos «Alxibeira» do Padroado de Cultura do Concello de Narón, «Arume de Berdillo» de Carballo e A.F.C. «Terra Meiga», grupo anfitrión; e a actuación de baile, música e canto na Residencia de Maiores de Piñor, con motivo da celebración do magosto. Recentemente, tamén participou nas V «Xornadas de Investigación de Danzas Rituais», cun relatorio titulado Danzas Rituais en Ourense, presente e futuro, celebrado en Fregenal da Serra, Badaxoz, os días 5 e 6 de Novembro.
As actividades programadas neste trimestre continúan e hoxe, 22 de novembro, comeza a XII edición do «Obradoiro de Xogos Populares» dirixido aos centros educativos públicos da provincia que terá lugar ata o vindeiro mes de maio. Esta iniciativa, pensada para alumnos de primaria e de secundaria, está organizada en dúas sesións por centro, co fin de dar a coñecer actividades lúdicas baseadas na nosa cultura tradicional. Para este curso, inscribíronse un total de 51 centros, coa participación estimada de 1.800 rapaces.
Por último, dentro das actuacións que a Escola de Danza ten programadas, destaca a participación na feira Megaxove en Expourense que terá lugar o 7 de decembro, así como o Festival de Nadal que se celebrará o 15 de decembro no Teatro Principal de Ourense.