Programa ChegOU de axuda á natalidade

  • Mil familias beneficiáronse en 2021
  • Nun acto simbólico en Beariz, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, pechou o programa do pasado ano coa entrega da última das tarxetas á nai dunha bebé que naceu o 31 de decembro  
  • Desde a posta en marcha do programa, en 2016, a Deputación concedeu 7.799 axudas cun investimento total de 2,3 millóns de euros para subvencionar os gastos en produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde dos bebés 
  •  Desde onte está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas de 2022 

 

Un total de 1.035 familias beneficiáronse en 2021 das axudas á natalidade que ofrece a Deputación de Ourense a través do programa ChegOU, que inclúe unha tarxeta con 300 ou 500 euros, segundo a clasificación de prioridade demográfica do concello de residencia da familia, para gastos relacionados con produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde do bebé. Nun acto simbólico celebrado onte no Concello de Beariz, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, acompañada polo alcalde, Manuel Prado, pechou o programa de 2021 coa entrega da última das tarxetas a Leticia Domínguez, nai dunha bebé que naceu o 31 de decembro. 

Luz Doporto expresou a súa satisfacción “pola acollida dun programa que, precisamente hoxe, 1 de febreiro, abre o prazo de solicitudes para 2022”. Na Deputación de Ourense, asegurou, “imos seguir apostando por unha iniciativa de reto demográfico que desde a súa posta en marcha, en 2016, está a ter unha excelente acollida entre as familias, con 7.799 beneficiarios e 2,3 millóns de euros en axudas concedidas nestes seis anos de vixencia do plan”. 

“A facilidade na tramitación da solicitude e maila axilidade na recepción da tarxeta son dous dos aspectos máis valorados polas familias”, apuntou a deputada, que explicou que o 81 % das peticións se realizaron a través da administración electrónica e as restantes de xeito presencial. Unha vez comprobados por parte dos técnicos o cumprimento dos requisitos, o expediente resolveuse nun prazo inferior a cinco días e os beneficiarios recibiron a súa tarxeta en dúas semanas. “Estes parámetros -lembrou Luz Doporto- axústanse aos compromisos adquiridos polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, que marcou entre os obxectivos a conseguir a menor carga administrativa posible e unha rápida resposta á cidadanía”. 

O alcalde de Beariz, que agradeceu a iniciativa da Deputación, subliñou pola súa banda a importancia dun programa “que axuda á veciñanza que aposta por formar a súa familia nos nosos concellos, tres subvencións no caso de Beariz o pasado ano”. 

Entrega a última ourensá nacida o 31 de decembro de 2021 do programa «ChegOU» a «Cloe» veciña do concello de Bearíz e acompañada da súa nai Leticia Domínguez Ramos, de Luz Doporto Real (Deputada provincial) e Manuel Prado López (Alcalde do concello de Beariz).

 

Axudas por nacemento, adopción ou tutela 

Cun orzamento total de 300.000 euros, as subvencións para o fomento da natalidade do programa ChegOU de 2022 xa poden solicitarse desde hoxe. As axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (grao 0) e para os municipios con prioridade de grao 1 e 2. As axudas serán de 500 euros para os concellos con prioridade de grao 3. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro de 2022, aínda que no caso de que o nacemento, a adopción ou tutela tiña lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2022, o prazo ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2023. 

También te podría gustar...