Primeira reunión do Grupo de Partes Interesadas do Proxecto Life Regenera Limia

  • A primeira reunión do Grupo de Partes Interesadas do Proxecto Life Regenera Limia aborda as accións realizadas
Rosendo Fernández, na reunión do Proxecto Life Regenera Limia

Rosendo Fernández, na reunión do Proxecto Life Regenera Limia

 

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde acolleu a primeira reunión do Grupo de Partes Interesadas do Proxecto Life Regenera Limia, que contou coa presenza do presidente do Inorde, Rosendo Fernández. O obxectivo da xuntanza foi dar a coñecer o avance das actividades previstas no proxecto de maneira que as partes interesadas puideran informarse e consultar os proxectos e estudos realizados ata o momento. Na xornada presentáronse as accións realizadas no marco do proxecto, unha iniciativa que desenvolve o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Inorde, os concellos que abrangue o río Limia e a iniciativa privada, representada por Coren e Ecolagunas, co obxectivo de reducir a presenza de nutrientes nos ríos da comarca limiá con técnicas innovadoras, preventivas e de formación para o sector primario.

O grupo de traballo do Proxecto Life Regenera Limia está integrado polos socios anteriormente citados e ademais, representantes das Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Concellos, Comunidade de Regantes, Asociacións e Empresas, Sindicatos Agrarios, Grupo de Desenvolvemento Rural da Limia, Asociacións de Ecoloxistas, IXP Pataca de Galicia, segundo acordaron na primeira Xornada de Presentación do Proxecto que tivo lugar en febreiro do 2015.

O proxecto nace co obxectivo de dar solución a unha masa de auga moi modificada pola actividade do sector primario, empregando para elo técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos medioambientais que establece a «Directiva Marco del Agua» e a normativa de transposición á lexislación española.

Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, algunhas xa executadas, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros co ánimo de reducir o seu impacto no ambiente, apostando por zonas húmidas artificiais intensivas de macrófitos, creando para elo un sistema de lagoas artificiais como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medios destes métodos naturais de depuración, co que se determinará a efectividade deste sistema así como a adecuada relación do coste-eficiencia das técnicas aplicadas.

Por outra parte trátase de demostrar que é posible unha mellor xestión medioambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánico a través dun sistema de control integrado de condicións edafolóxicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizar os riscos ambientais.

Trátase da primeira reunión do Grupo de Partes Interesadas do proxecto que continuarán a celebrarse semestralmente para dar a coñecer o avance das actividades previstas no proxecto, de maneira que poidan informarse e consultar os proxectos e estudos realizados ata o momento. A xornada comezou cunha exposición das accións realizadas para posteriormente debater as inquedanzas e dúbidas dos participantes, algo que se manterá durante as próximas reunións pois pretender ser participativas.

Para máis información sobre o proxecto pode consultarse a páxina web www.regeneralimia.org

También te podría gustar...