Primeira proba nacional de remo da tempada
- O Parque Náutico de Castrelo de Miño acolle este domingo a primeira proba nacional de remo da tempada, coa participación de 500 deportistas
- O Campionato de España de longa distancia, co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde, reúne a 305 embarcacións de 44 clubes, procedentes de 8 comunidades autónomas
O Parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá mañá domingo, día 20, o XXII Campionato de España de Remo de longa distancia, a primeira proba nacional da tempada que se celebrará nestas instalacións, e que reunirá a 500 deportistas de 44 clubes procedentes de oito comunidades autónomas, sendo Galicia a máis numerosa en representación con 13 equipos, seguida de Cataluña con 7, e País Vasco e Valencia con 6.
Cun percorrido de 5,5 quilómetros que principia augas arriba do río Miño e remata no parque náutico, os remeiros das 305 embarcacións inscritas, tanto individuais como dobres, pertencen ás categorías cadete, xuvenil, absoluto e para-remo (denominación correspondente ao remo adaptado).
Organizado polas federacións española e galega de remo e coa colaboración da Deputación de Ourense, a través do Inorde, o campionato de España “supón un enorme esforzo para o parque náutico, xa que despois da apertura da tempada a fin de semana pasada coa proba a nivel autonómico, agora imos reunir a preto de 600 persoas entre deportistas, adestradores, delegados e xuíces”, explica o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos.
Ao longo deste ano, destacou, están previstas case unha vintena de probas autonómicas, nacionais e internacionais, entre estas últimas un evento destacado como a Coupe de la Jeunesse, do 5 ao 7 de agosto, “unha das probas de remo máis prestixiosas do mundo que cada ano reúne a centos de deportistas procedentes de 16 países europeos e que chega a Castrelo de Miño grazas á decidida aposta de Manuel Baltar por situar á provincia como un dos grandes territorios de remo e de piragüismo de España e Europa”, lembra o rexedor de Castrelo.