Primeira misión comercial USA-Ourense, mañá chegan 20 empresas
- A Deputación ultima os preparativos para a primeira misión comercial USA-Ourense, que recibe mañá a 20 empresas de Estados Unidos
- Durante dous días o Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e o parador de Santo Estevo serán os escenarios dos encontros entre empresarios ourensáns e norteamericanos, que buscarán canles de negocio nos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal e de innovación
- A misión, certificada polo Goberno de Estados Unidos, estará encabezada pola congresista de California Loretta Sánchez e polo exembaixador dos EEUU en España Alan Solomont
- Manuel Baltar afirma que esta misión «é unha excelente oportunidade para promocionar internacionalmente a «marca Ourense» e todas as potencialidades de negocio que ofrece a nosa provincia»
A Deputación de Ourense está a ultimar os preparativos para a primeira misión comercial USA-Ourense, que recibe mañá a vinte empresas de Estados Unidos. Durante dúas xornadas, 16 e 17 de xuño, o Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e o parador de Santo Estevo serán os escenarios dos encontros entre cincuenta empresarios ourensáns e os norteamericanos, que buscarán canles de negocio nos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal e de innovación.
A misión, certificada polo Goberno de Estados Unidos, estará encabezada pola congresista de California Loretta Sánchez e polo exembaixador dos EEUU en España Alan Solomont, sendo o anfitrión do evento o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e contando coa coordinación e organización a cargo de Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership.
Manuel Baltar visitou hoxe xunto a Juan Verde as dependencias do centro cultural, onde se están a acondicionar os espazos para os encontros empresariais e os actos institucionais. Considera que esta misión «é unha excelente oportunidade para promocionar internacionalmente a «marca Ourense» e todas as potencialidades de negocio que ofrece a nosa provincia».
O obxectivo da misión é impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. «Trátase –afirma Baltar- dun histórico encontro bilateral entre compañías USA e ourensás, que permitirá ao mercado estadounidense coñecer o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas, e que investidores doutros países vexan o noso territorio como unha terra de oportunidades», explica Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial dixo que o traballo previo levado a cabo ao longo destes meses «fai presaxiar o éxito deste proxecto», e nestes sentido, agradeceu «a implicación e o apoio da CEO e da Cámara de Comercio de Ourense á hora de transmitir ás empresas ourensás os beneficios que pode achegar esta misión comercial, e por suposto o pulo e ilusión que Juan Verde e a súa fundación puxeron nesta importante iniciativa empresarial».
Alo longo das dúas xornadas, con sesións de maña e tarde, os empresarios ourensáns e de Estados Unidos participarán en encontros bilaterais e en paneis informativos e relatorios sobre posibilidades de investimento en Ourense, conferencias que contarán coa presenza de expertos en comercio exterior e con representantes da CEO, do Inorde e da Cámara de Comercio.
Esta acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é a primeira vez que se produce en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. O labor que desenvolveron ao longo destes meses previos os especialistas da Fundación Advanced Leadership dirixiuse a identificar oportunidades de negocio, na busca de socios locais empresariais e de investidores, e tamén na promoción de servizos e produtos e na elaboración de informes de investigación de mercados.