Primeira campaña provincial de compostaxe doméstica

  • Deputación de Ourense e Sogama poñen en marcha a primeira campaña provincial de compostaxe doméstica
  • A iniciativa abrangue a todos os concellos agás o da capital e ten como obxectivo concienciar aos veciños sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos, capacitándoos para fabricar o seu propio compós a escala doméstica
Javier Domínguez e Manuel Baltar

Javier Domínguez e Manuel Baltar

 

A Deputación de Ourense e Sogama poñen en marcha a primeira campaña provincial de compostaxe doméstica, unha iniciativa que abrangue a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes (todos agás a capital ourensá), e que ten como obxectivo concienciar aos veciños dos municipios sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos, capacitándoos para fabricar o seu propio compós a escala doméstica, o que lles permite pechar in situ o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos, converténdoos nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, asinaron hoxe no Pazo Provincial o convenio de colaboración da dita campaña, que pretende, a diferenza das de anos anteriores, dar servizo a todos os concellos da provincia da Ourense que estean interesados en participar, con prioridade para aqueles que non teñan realizado campañas anteriores e que conten cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes.

A Deputación de Ourense asume a xestión, coordinación e desenvolvemento da campaña, levando a cabo as labores de dirección, supervisión e control de todos os traballos vinculados á campaña, así como a xestión do material que se entrega aos participantes e das accións formativas.

Manuel Baltar afirma que este acordo de colaboración en defensa do medio ambiente «abrangue por primeira vez todo o territorio provincial, sendo a de Ourense a única Deputación de Galicia que asina con Sogama este importante convenio. Damos resposta así ás necesidades medioambientais da provincia e falamos coas veciñas e veciños sobre un ámbito tan importante como é o da compostaxe. Esa é a vía de actuación dun goberno provincial no que destaca a súa aposta polo medio ambiente».

A primeira fase da campaña de compostaxe provincial ten como finalidade a captación e selección dos participantes. Nesta etapa promoverase a participación dos veciños a través do compromiso de colaboración dos concellos. Na segunda fase subministrarase o material necesario (composteiros, manuais e carteis), para posteriormente iniciar un programa de formación no que se impartirán aos participantes coñecementos para que poidan realizar compós de calidade nos seus fogares de maneira autónoma. Finalmente, levarase a cabo un programa de seguimento, que consistirá na realización de visitas aos composteiros para comprobar a correcta realización do compós e así poder axudar a corrixir desviacións, propoñer solucións, solucionar dúbidas e recoller suxestións por parte dos participantes. As accións enmarcadas dentro do convenio desenvolveranse ata finais do presente ano 2016.

 

También te podría gustar...