Preto de 900 nenos e nenas de 0 a 3 anos inician o curso nas 25 escolas infantís da provincia de Ourense

Galiña azul1

Preto de 900 nenos e nenas de 0 a 3 anos inician o curso nas 25 escolas infantís da provincia de Ourense integradas na Rede Autonómica da Galiña Azul.

  • Comeza a aplicación da exención total da cota a partir do segundo fillo ou filla que acuda á mesma escola infantil, unha medida que forma parte do Plan para a dinamización demográfica de Galicia
  • A oferta de prazas cífrase en 1.116 na provincia de Ourense
  • A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense,Rogelio Martínez, visitaron o centro “Antela”, no barrio do Couto da capital, que conta con 112 pequenos matriculados
  • González destacou que a aposta da Consellería de Traballo e Benestar pola conciliación é “clara” lembrando que en toda Galicia a planificación da Xunta para a presente lexislatura inclúe 26 novas escolas infantís e 1.552 prazas
  • A directora xeral tamén resaltou que a ratio de cobertura das prazas financiadas con fondos públicos mellorou desde 2009 en case 12 puntos porcentuais  

Hoxe preto de 900 nenas e nenos inician o curso nas 25 escolas infantís que a rede autonómica A Galiña Azul ten na provincia de Ourense. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañados polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, visitaron esta mañá a escola infantil “Antela”, no barrio ourensán do Couto, e participaron na apertura do curso neste centro que conta con 112 pequenos matriculados, con idades entre os 0 e 3 anos.

Os representantes autonómicos subliñaron o esforzo do Goberno galego para incrementar a oferta de prazas nestas escolas. A nivel galego a oferta da Xunta increméntase nun 1,5 por cento de prazas con respecto ao curso pasado. A adecuación dunha nova aula na escola infantil de Xinzo da Limia, que pasa a contar con 6 unidades, contribuíu a este incremento de prazas.

Con respecto á  provincia de Ourense a oferta nas escolas infantís da Xunta cífrase en 1.116 prazas, das que unha parte son reservadas en cada escola por motivos de emerxencia social, o que supón o incremento dun 15,8 % (153 prazas) dende o ano 2009.

Na provincia funcionan un total 25 escolas infantís da rede autonómica que se emprazan nos concellos de A Bola, A Merca, A Pobra de Trives, A Rúa, Allariz,  Bande, Cartelle, Castro Caldelas, Coles, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Oímbra, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, Toén, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, e 5 na cidade das Burgas –Antela, Barrocás, Covadonga, Farixa e Rúa Colón.

Ademais das escolas da Galiña Azul que inician hoxe o curso, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos inclúe tamén escolas municipais, de iniciativa social e de cheque infantil, conformando unha oferta global  de 19.200 prazas no conxunto da comunidade.

Galiña azul2

 

 

Exención na cota

Amparo González e Rogelio Martínez salientaron que coa chegada do novo curso comeza tamén a aplicación da exención total de cota a partir do segundo fillo ou filla matriculado na mesma escola infantil para familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais. Indicaron que tamén estarán exentos os menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar. Esta medida está recollida no Decreto 91/2014, do 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012 do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta.

 

A exención de cota a partir do segundo fillo ou filla forma parte do Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, aprobado no Parlamento de Galicia o ano pasado co obxectivo de acadar a rexeneración demográfica de Galicia. Este documento recolle ata 69 medidas para actuar de maneira eficaz, sostible e coordinada mediante un conxunto de estratexias de carácter transversal para atallar o problema da demografía na Comunidade autónoma.

 

Planificación

Ademais do incremento de prazas no comezo do actual curso, a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, destacou que a aposta da Consellería de Traballo e Benestar pola conciliación da vida familiar e laboral é “clara”. Neste senso, indicou que a planificación de novas prazas que está a executar o departamento autonómico para a presente lexislatura inclúe un total de 26 novas escolas infantís e 1.552 prazas que están en distintas fases de execución. Neste senso, na provincia de Ourense xa están planificadas tres novas escolas que suporán a creación 197 novas prazas. Estas novas escolas infantís construíranse nos concellos de Verín, O Carballiño, e na cidade, esta última promovida pola Fundación Amancio Ortega.

 

Por último, a directora xeral resaltou que a ratio de cobertura das prazas en escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0-3 anos mellorou en case 12 puntos porcentuais desde o curso 2009-2010 con respecto ao actual.

 

También te podría gustar...