Preto de 120 persoas participarán na segunda edición do programa de cooperación interuniversitaria ‘Iacobus’
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) vén de informar da resolución das solicitudes da última convocatoria do programa de cooperación interuniversitaria da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ‘Iacobus’, na que resultaron beneficiadas un total de 119 persoas.
Esta é a segunda convocatoria do programa, destinado á cooperación cultural, científica e pedagóxica entre universidades, en base ao Protocolo asinado este mesmo ano entre os centros de Ensino Superior da Eurorrexión. A primeira edición tivo lugar o pasado verán e nela seleccionáronse outros 118 candidatos que están xa a rematar as súas estadías.
A nova convocatoria está dotada con 100.000 euros e recibiu 223 solicitudes procedentes das tres universidades galegas (USC, UDC e U-Vigo) e dos oito centros portugueses, que son as universidades de Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro, Porto e Católica Portuguesa, ademais dos institutos politécnicos de Porto, Viana, Bragança e o do Cávado e Ave.
Como na primeira convocatoria, existe unha grande diversidade entre os beneficiarios, xa que entre eles se atopan 64 docentes e 24 membros do Persoal de Administración e Servizos, coñecidos como PAS. Ademais, tamén resultaron seleccionados un total de 31 investigadores, algúns deles alumnos de terceiro ciclo ou bolseiros post-doctoroais.
Dos 119 seleccionados, 67 teñen como orixe as universidades galegas e 52 proveñen de Portugal. Dentro das universidades galegas, a UVigo conta con 29 candidaturas aprobadas, mentres que a USC ten 21 e a UDC 17. Doutra banda, a Universidade de Vigo recibirá 29 seleccionados lusos, mentres que a USC acollerá a 16 e a da Coruña 7.
A selección dos beneficiarios correu a cargo da Comisión de selección presidida pola Oficina de Cooperación da Eurorrexión (AECT Galicia – Norte de Portugal) -entidade xestora deste programa e da que forman parte a Xunta de Galicia-, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e a Fundación CEER, en representación das Universidades da Eurorrexión.
Unha integración interrexional
O programa ‘Iacobus’ xurdiu coa intención de dar un paso máis de cara a configurar un auténtico espazo de integración interrexional entre as Universidades e os Centros de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia -Norte de Portugal. Esta iniciativa -pioneira no continente europeo- conta co apoio da Unión Europea, quen contribúe ao seu financiamento a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), e ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico para promover a posta en común de proxectos formativos e de investigación.