Preto de 100 docentes participaron en Lobios nas xornadas de formación do profesorado dirixidas a facilitar a implantación da LOMCE

Formación do profesorado en Lobios

 

Preto de 100 docentes participaron onte en Lobios nas xornadas de formación do profesorado dirixidas a facilitar a implantación da LOMCE e que foron organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estando presnete no comezo o seu director xeral, Manuel Corredoira López.

Un dos obxectivos desta actividade é o de facilitar a implantación dos novos currículos de educación Primaria e de FP Básica adaptados á Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a través de diferentes relatorios nos que se afondou no cambio que se está a producir cara a un modelo formativo baseado nas competencias clave. Para iso, participaron no encontro asesores técnicos docentes de Valencia e Castela e León, así como persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e do Centro de Formación e Recursos de Ferrol. Así mesmo, presentáronse algunhas experiencias de centro, en concreto do CEIP O Carballal e o CPI de Atios.

Nestas xornadas proporcionouse, ademais, formación aos asesores de FP arredor de temáticas tan relevantes como a formación para desempregados e a acreditación das competencias obtidas pola experiencia laboral, as novas ensinanzas de FP Básica e o deseño de plans desde unha perspectiva de competencias profesionais, así como se ofreceu un afondamento na FP a distancia e a FP Dual.

A Consellería deseñou un plan específico de formación do profesorado para a implantación do currículo de educación primaria adaptado á LOMCE, con accións formativas xa programadas dentro do Plan Anual de Formación, en concreto 13 cursos e xornadas para preto de 1.000 docentes. Estes cursos sumáronse ás accións realizadas nos últimos meses arredor da nova Lei, tales como a presentación do proxecto de currículo ante máis de 600 docentes, que tivo lugar o 24 de maio durante os II Encontros de Educación Infantil e Primaria, nunha mesa redonda aberta a debate na que participaron as persoas redactoras; ou as 10 xornadas formativas desenvolvidas en xuño, noutras tantas localidades, dirixidas a todos os centros de educación primaria nos que se convocaron as persoas directoras, as xefas e xefes de estudo e as persoas orientadoras.

También te podría gustar...