Presentado o encontro bilateral entre companías ourensás e máis de 15 de USA
- Máis de 15 empresas de Estados Unidos estarán en Ourense os días 16 e 17 de xuño, na misión comercial que organiza a Deputación
- Manuel Baltar, Juan Verde e os representantes da CEO e da Cámara de Comercio presentaron onte o contido deste encontro bilateral entre compañías USA e ourensás que buscarán canales de negocio nos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal e de innovación.
- A misión, certificada polo Goberno de Estados Unidos, estará encabezada pola congresista de california Loretta Sánchez e polo ex embaixador dos EEUU en España Alan Solomont
Máis de 15 empresas de Estados Unidos estarán en Ourense os días 16 e 17 de xuño, na misión comercial que organiza a Deputación de Ourense coa Fundación Advanced Leadership, que ten como obxectivo impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde; co presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, e co vicepresidente da Cámara de Comercio de Ourense, Antonio Villaverde, presentaron onte o contido deste histórico encontro bilateral entre compañías USA e ourensás que buscarán canles de negocio en ámbitos como o tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal ou de innovación.
A misión, certificada polo Goberno de Estados Unidos, estará encabezada pola congresista de california Loretta Sánchez e polo ex embaixador dos EEUU en España Alan Solomont.
Manuel Baltar dixo que esta misión empresarial «é unha excelente oportunidade para que o mercado estadounidense coñeza o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas, moitas delas líderes europeos nos seus sectores». «O obxectivo é favorecer a competitividade e o crecemento económico na nosa provincia, posicionar a «marca Ourense», e que investidores doutros países vexan o noso territorio como unha terra de oportunidades», expresou Baltar.
O presidente do goberno provincial dixo que o traballo previo levado a cabo ao longo destes meses «fai presaxiar o éxito deste proxecto», e nestes sentido, agradeceu «a implicación e o apoio da CEO e da Cámara de Comercio de Ourense á hora de transmitir ás empresas ourensás os beneficios que pode achegar esta misión comercial, e por suposto o pulo e ilusión que Juan Verde e a súa fundación puxeron nesta importante iniciativa empresarial».
Baltar informou da reunión celebrada esta mañá con preto de corenta empresas da provincia de Ourense, «na que se lles deu conta dos avances e xestións realizadas para o desenvolvemento da misión, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño, e que, segundo os resultados que se obteñan, abrirá posiblemente o camiño a novas vías de colaboración».
Pola súa banda, Juan Verde detallou os aspectos máis salientables da organización e desenvolvemento desta iniciativa, destacando que os beneficios da misión empresarial son a posibilidade «de atraer investimento estranxeiro, o intercambio de tecnoloxía e coñecemento, o posicionamento de Ourense nun mercado global, a creación dunha ampla rede de intercambio e a creación de novos postos de traballo».
Juan Verde explicou que a misión conta entre as súas entidades colaboradoras coa Axencia de Minorías do Departamento de Comercio, a Cámara de Comercio de Atlanta a TAG Network e o Servizo comercial do Departamento de Comercio dos Estados Unidos, ademais do Consello Americano de Desenvolvemento Sostible e a Cámara de España-EEUU como co-organizadores.
«Estimamos que por parte da provincia de Ourense participen na misión unhas 50 empresas locais e entre 15 e 20 empresas de Estados Unidos –destacou Juan Verde-. Serán dous días de traballo e de intercambio económico e comercial nos que se levarán a cabo máis de 100 reunións un a un, co que iso supón para o desenvolvemento de transaccións económicas e fomento do comercio internacional para a provincia de Ourense».
Esta novidosa acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é a primeira vez que se produce en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. Os únicos referentes de misións comerciais de Estados Unidos en España producíronse ata o momento en Madrid e Barcelona.
O labor que desenvolveron ao longo destes meses previos os especialistas da Fundación Advanced Leadership dirixiuse a identificar oportunidades de negocio, na busca de socios locais empresariais e de investidores, e tamén na promoción de servizos e produtos e na elaboración de informes de investigación de mercados.