Presentada a XX edición do Festival de Cine Internacional de Ourense
- Manuel Baltar destacou que entre todos «estamos alumeando unha realidade consolidada que transcende Ourense, pois é tamén o festival de cinema de Galicia e o da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal»
- Jesús Vázquez dixo que nestes vinte anos «teñen pasado polo festival producións de primeiro nivel, deixando no subconsciente colectivo un crisol de realidades de todas as partes do mundo»
- As novidades máis salientables desta edición son as proxeccións de cinema infantil nos barrios da capital e o encontro entre produtores de Ourense e do Norte de Portugal
No Centro cultural «José Ángel Valente» tivo lugar hoxe a presentación da XX edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, un evento que este ano conta con importantes novidades e cun amplo abano de actividades que converterá á capital ourensá no centro do sétimo arte entre os días 14 e 22 de novembro.
O acto, presentado pola directora do festival, Nora Sola, contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o director de Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, e representantes das entidades privadas patrocinadoras do certame.
As novidades más importantes son, por unha banda, que este ano haberá cinema de barrio con proxeccións de cinema infantil, e tamén terá destacado protagonismo a colaboración no ámbito cinematográfico co Norte de Portugal, na xuntanza que manterán produtores de cinema de ámbalas dúas beiras do Miño. Xunto a iso figuran as seccións de competición para longametraxes e documentais, os apartados «Panorama de Galicia», «Cine & Viño», «20 anos», «Cinemas de Galicia» e as sesións especiais.
A Deputación de Ourense segue a colaborar co Festival de Cine como xa ven facendo en edicións anteriores, e este ano achega un total de 35.000 euros, cantidade que, segundo avanzou o presidente do goberno provincial, o vindeiro ano incrementarase ata os 50.000 euros, «todo elo froito dos acordos que tivemos no Comité de Cooperación Permanente entre Deputación e Concello de Ourense, e froito tamén do Plan Ourense 15-19, a folla de ruta do goberno provincial, que prevía esta achega orzamentaria», explicou Manuel Baltar, destacando que a data acaída na que se celebra este evento «é o mes por excelencia da provincia de Ourense, pois é o mes dos magostos, o mes da entrega do Premio da Ourensanía, e o da carreira de San Martiño».
O presidente da Deputación subliñou que o goberno provincial «leva a cabo unha política cultural na capital e en toda a provincia», e citou como exemplos de cooperación no ámbito cultural o desenvolvemento de actividades como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, as Xornadas de Folclore e, dende o ano pasado, unha actividade que se pode considerar xa complementaria do Festival de Cine como é a «Ourense ICCWeek», a Semana das Industrias Culturais e Creativas, que converte a Ourense en vangarda da creación e das disciplinas artísticas no eido audiovisual».
Baltar felicitou ao alcalde e ao seu grupo de goberno, sinaladamente á concelleira responsable do festival, «porque entre todos estamos alumeando unha realidade consolidada como é o Festival de Cinema de Ourense, que non só se queda aí, pois é tamén o festival de cinema de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal».
Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e de todas as entidades colaboradoras «para seguir facendo do Festival de Cine de Ourense un referente», e dixo que dende 1995 ata hoxe «teñen pasado polo festival producións de primeiro nivel, deixando no subconsciente colectivo un crisol de realidades de todas as partes do mundo, e o público de Ourense, que de cine sabe moito, valora a oportunidade que cada ano representa o OUFF».