Presentada a III Carreira Popular «Vía Nova» de Bande
A terceira edición da Carreira Popular «Vía Nova», que se celebrará no municipio de Bande o vindeiro sábado, 4 de xuño, foi presentada onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; a presidenta da asociación «VII Legio Gémina», Melisa Pereira; e o responsable de Deportes do Concello de Bande, Xurxo Vázquez.
A proba deportiva desenvolverase por categorías, sendo a quenda para os escolares a partir das 19.00 horas, nunha carreira que vai desde 100 metros ata 2.000 metros; e a categoría absoluta, cun percorrido de 8 quilómetros, celebrarase a partir das 20.00 horas. «A saída terá lugar na praza da Constitución do municipio e a carreira discorrerá polo casco urbano de Bande, cunha dificultade media», sinalou Xurxo Vázquez. Entre as novidades desta edición destacan os trofeos que son «obra do escultor Toño Monteiro, a entrega de camisetas deportivas, así como mesas de hidratación, doces e saladas», destacou o responsable de deportes de Bande.
Rosendo Fernández sinalou que a Deputación de Ourense «sempre esta ao carón das iniciativas deportivas da provincia, porque deporte e saúde son un binomio inseparable». O alcalde de Bande destacou que este tipo de eventos «contribúen á difusión e promoción do municipio atraendo cada ano a un maior número de adeptos», engadindo que esta carreira popular «é a única con estas características na comarca da Baixa Limia, un reclamo para que a xente se achegue a coñecer a zona. Bande quere estar á vangarda do deporte na provincia de Ourense».
Melisa Pereira explicou que se trata «dun evento lúdico-deportivo», que contará tamén con atraccións para os nenos e maiores e música en directo. Ademais, os asistentes poderán degustar unha cea despois das carreiras, por un prezo de 12 euros.
Os organizadores agardan superar os 200 participantes do ano pasado. Os interesados en participar poden inscribirse ata o vindeiro xoves, 2 de xuño, a través da web www.championchipnorte.com ou no 650959784, e o prezo da inscrición é de 6 euros para os participantes da categoría absoluta, e gratuíta para os da categoría de escolares.