Presentada a 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou onte, na presentación da 21 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense que tivo lugar no Claustro de San Francisco. No acto tamén participou a concelleira de Educación, Cultura e Comercio, Belén Iglesias; o director artístico do OUFF, Fran Gayo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez.
Na presentación Rosendo Fernández asegurou que o Festival de Cine Internacional de Ourense é «un dos eventos cinematográficos máis relevantes en Galicia, que desde 1996, foise consolidando como mostra das producións máis destacadas do cine independente, como punto de encontro para os profesionais, e como plataforma do audiovisual de todo o mundo».
Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da «cooperación» entre institucións para levar a cabo este tipo de iniciativas na que nesta edición participan preto de 20 filmes galegos. «Entre todos estamos a alumear unha realidade consolidada, que transcende as fronteiras ourensás», dixo Rosendo Fernández.
A Deputación de Ourense colabora con este evento cinematográfico pero tamén noutras actividades porque «o goberno provincial leva a cabo, tanto na capital como na provincia, unha completa política cultural como son as Xornadas de Folclore, o FETEGA, ou a ICC Week, entre outras moitas», sinalou o vicepresidente do ente provincial.
Na presentación presentouse o spot e as cabeceiras desta 21ª edición do OUFF. As actividades programadas no marco do OUFF desenvolveranse do 28 de outubro ao 5 de novembro.