Presentación Xantar 2015
O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2015, se celebrará en Expourense a partir deste mércores, día 4 ata o domingo que vén, é o único certame celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición de Xantar, e xa van dezaseis, e destacou que “Xantar é xa un referente entre os amantes da arte culinaria en Galicia pero ademais nos últimos anos acadou unha enorme proxección internacional”. Na súa intervención, Martínez recordou que a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia e que esta feira contribúe a pór en valor os produtos da nosa terra e os profesionais da cociña galega.
Martínez indicou que as máis de 300 festas gastronómicas que se celebran en Galicia impulsan o sector turístico e promoven os nosos produtos con indicación de calidade, pero ademais asegurou que a enogastronomía en Galicia non só destaca pola cantidade, senón tamén pola calidade. Así aludiu a existencia de 12 restaurantes con Estrela Michelín, 26 restaurantes que atesouran 37 Soles Repsol e 51 establecementos de restauración coa Q de calidade.
Rogelio Martínez engadiu que a gastronomía é un elemento transversal que complementa a outros produtos turísticos afirmando que “marida á perfección co turismo rural, o cutural o de incentivos e congresos, o de saúde e benestar, o deportivo, etc”.
O delegado territorial subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico “xa que se trata dun salón multidisciplinar que, ademais, da compoñente turística, defende a calidade dos nosos profesionais hostaleiros contribuíndo á formación dos mesmos, promociona os beneficios para a saúde da Dieta Atlántica e mostra as posibilidades culinarias e nutricionais dos nosos produtos agrarios e do mar. O máximo representante do Executivo galego en Ourense asegurou que “Xantar, ao longo dos seus dezaseis anos de traxectoria, contribuíu, sen dúbida, ao posicionamento de Galicia como destino gastronómico de calidade”.
A 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, terá como país convidado a Costa Rica e convocará en Expourense a 140 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan 17 restaurantes que ofrecerán 25 menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión.
A presenza nesta edición de expositores e participantes de 10 países (España, Portugal, Costa Rica, México, A Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai) ven consolidar a súa condición de «Feira Comercial Internacional», un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España (dúas das cales organiza Expourense) e na única especializada en gastronomía.