Presentación onte en Ourense de ‘Perplexo’, o segundo espectáculo producido pola compañía galega ilMaquinario Teatro
Presentación onte en Ourense de ‘Perplexo’, o segundo espectáculo producido pola compañía galega ilMaquinario Teatro.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou onte en Ourense na presentación de ‘Perplexo’, o segundo espectáculo producido pola compañía galega ilMaquinario Teatro, que se estrea este venres 31 de outubro no Teatro Principal da cidade. A montaxe, realizada a partir da obra do autor alemán Marius Von Mayenburg con dirección de Tito Asorey, obtivo para o seu financiamento 17.000 euros das subvencións á produción escénica convocadas este ano a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), dentro do apartado específico dedicado a compañías de nova creación.
ilMaquinario Teatro foi creada en 2012 como un proxecto articulado polos seus integrantes durante os anos de estudo na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia): Tito Asorey, Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez, artistas novos pero con experiencia en compañías españolas e galegas como a Nacional de Teatro Clásico, Ur Teatro, La Imagina Machina, Sarabela Teatro, Teatro do Adro, Teatro do Noroeste, Escénate ou Viravolta.
O grupo, que naceu con vocación de continuidade, privilexia o traballo do actor como explorador da natureza humana e ofrécelle ao público historias que suscitan debate e controversia ao tempo que son pracenteiras e lúdicas, para dar como resultado un teatro de grande intensidade que se sustenta no traballo colectivo e nas dramaturxias contemporáneas.
Despois do debut en 2012 con ‘O home almofada’, ilMaquinario volve así aos escenarios con ‘Perplexo’, unha comedia asinada por un dos autores europeos de maior éxito na actualidade e cuxas pezas son representadas por compañías de todo o mundo.
Metáfora da realidade actual
En ‘Perplexo’, Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures, a luz está cortada por falta de pago, aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na súa ausencia. Cando os catro personaxes aparecen en escena a situación dá un xiro, pois semella que os amigos son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda. A partir dese momento, a peza sucédese nun continuo xogo de intercambio de roles, onde o espectador vive un vertixinoso devir de escenas e no que o teatro se converte nunha metáfora da nosa realidade actual, na que todos temos que nos impoñer determinadas máscaras sociais para facer fronte ás novas situacións que a vida nos presenta.
A peza, na que os personaxes teñen o mesmo nome que os actores que a interpretan, xoga dun xeito audaz co teatro dentro do teatro para falar, de maneira tremendamente cómica, de temas de tanta actualidade como son a procura dunha identidade propia, o racismo, as dificultades das relacións de parella ou a existencia dun poder supremo.
Con escenografía de Luis Iglesias ‘Luchi’, vestiario de Yaiza Pinillos e iluminación de Tito Asorey e Germán Gundín, ´Perplexo’ escenificarase no Teatro Principal de Ourense os días 31 de outubro e 1 de novembro, no Auditorio Municipal de Ourense os días 3 e 4 de novembro, o día 5 no Salón Teatro de Santiago, dentro de Galicia Escena PRO; e o 3 de decembro no Teatro Principal de Santiago.