Presentación dos actos da Semana Santa 2015 do Carballiño
No Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense tivo lugar onte a presentación dos actos conmemorativos da Semana Santa 2015 que se celebrarán na vila do Carballiño entre o 14 de marzo e o 5 de abril. Na presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e o confrade maior da Vera Cruz, Rafael Melero.
Manuel Baltar destacou que este evento “é un referente de ámbito provincial que une o aspecto relixioso, social e cultural nunha das vilas máis puxantes da provincia de Ourense”. O presidente provincial subliñou a importancia da Semana Santa do Carballiño “pola implicación dos veciños en potenciar dende 2008 esta actividade relixiosa, que se traduce na participación de nenos e maiores, tanto nas procesións, actos relixiosos e actividades paralelas, e que conta con máis de 200 confrades; todo elo fala ben alto da intensidade coa que se vive este evento”.
Baltar agradeceu ao bispo de Ourense, ao alcalde do Carballiño e ao confrade maior da Vera Cruz por xunguir esforzos neste proxecto que este ano conta coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, xunto coa Banda de Música do Carballiño e do Orfeón do Carballiño, afianzando a música como protagonista da Semana Santa da vila carballiñesa, ademais dun programa de actividades para os máis pequenos.
O bispo de Ourense destacou que O Carballiño “é un expoñente da Semana Santa en Galicia, unha iniciativa que temos que exportar a outras vilas e cidades da provincia de Ourense, porque é importante abrir a igrexa e saír á rúa para facer unha nova tarefa evanxelizadora”.
Finalmente, Argimiro Marnotes dixo que a Semana Santa do Carballiño “é unha inmellorable ocasión para que a nosa vila amose o seu patrimonio, a súa cultura e o seu grandioso templo e contorna da Vera Cruz, pois esta é unha actividade que lle da un pulo importante ao sector turístico do Carballiño”.
O programa de actividades inclúe procesións, celebracións solemnes un ciclo de conferencias e exposicións, que culminarán o día 5 de abril.