Presentación do proxecto “Aldea dos nenos”, promovido pola Deputación de Ourense

Presentacion.proxecto.aldea.dos.nenos.01

No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense presentouse hoxe o proxecto “Aldea dos nenos”, unha iniciativa artística que une os ámbitos social e lúdico dirixidos aos máis cativos baseándose na reciclaxe como xeito de reinterpretar a realidade. O proxecto, promovido pola Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, conta coa colaboración do Campus de Ourense e do Concello do Carballiño. É o resultado dun taller de mobiliario urbano coordinado por Acisclo Novo e Leonardo Llamas, no que os participantes reciclaron diferentes materiais, principalmente contedores de vidro, lixo e papel, para convertelos en elementos de ocio para os máis novos.

No proxecto, ademais da Deputación e do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”,  participa o Campus de Ourense, onde hoxe a tarde exporanse os elementos que simulan ser parte dunha cidade para os nenos como poden ser unha panadería, unha froitería e unha escola, xunto con pezas que representan animais e outras que lembran o mar e o bosque “coa finalidade de que os nenos interactúen dende o punto de vista social e cren a súa propia realidade en completa libertade”, explicou Acisclo Novo no acto de presentación, no que tamén participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o vicerreitor do Campus de Ourense, Vicrxilio Rodríguez; o director do Centro Cultural Francisco González; a concelleira de Cultura do Concello do Carballiño, Pilar Caride, e os creadores Acisclo Novo, Marta García, Jorge Estévez, Ana Dorribo e Chus Lamas.

Rosendo Fernández destacou que esta “exposición singular de deseño social” é o resultado “do traballo en conxunto do Taller de Mobiliario Urbano e da colaboración entre a Deputación, o Campus de Ourense e o Concello do Carballiño, onde quedarán posteriormente instaladas as pezas para o goce dos máis cativos, uns elementos procedentes da reciclaxe que adquiren valor ao converterse en elementos de ocio para nenas e nenos”.

A mostra está composta de oito pezas de gran tamaño nas que o taller coordinado por Acisclo Novo e Leonardo Llamas traballou durante cinco meses para dar forma e convertelas en espazos de xogo e lecer.

También te podría gustar...