Presentación do ‘Ourense Termal Athletics Meeting’ 2016, un referente no noroeste

  • «Ourense Termal Athletics Meeting», proba de referencia no noroeste peninsular
  • O evento que se celebrará o vindeiro domingo, 29 de maio, na pista de atletismo do Campus de Ourense, forma parte do calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo
Presentación do Ourense Termal Athletics Meeting 2016

Presentación do Ourense Termal Athletics Meeting 2016

 

O Ourense Termal Athletics Meeting 2016, incluido no calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo, celebrarase na cidade de Ourense o vindeiro domingo, 29 de maio, na pista de Atletismo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial onde participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o coordinador de «Termal Athletics Meeting», Lalo Gómez; o delegado técnico da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; o vicereitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o coordinador do deporte base no servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e a coordinadora de Deportes do Consello Municipal do Concello de Ourense, Marta Míguez.

Rosendo Fernández destacou a relevancia deste evento deportivo no que «o ano pasado, bateuse o record galego de 100 metros lisos, o que demostra a importancia da proba e da categoría dos deportistas que acoden a esta cita».

Lalo Gómez explicou que os obxectivos desta celebración é «establecer un encontro que lle serva ao atletas de máis nivel de Galicia e de España, para mellorar as súas marcas». Ademais «Ourense Termal Atlhetics Meeting» pretende ter en conta o deporte de base por iso «establecemos un par de probas para nenos e nenas para que sintan e aprendan o que é unha competición de alto nivel», afirmou Lalo Gómez, que engadiu «outro dos obxectivos deste evento é difundir a imaxe de Ourense termal, e trasladar a nivel nacional e internacional, Ourense como destino turístico termal de calidade».

Nesta segunda edición «acadamos un 200% máis de inscricións que o ano pasado, pasamos de 300 a 600 inscricións, polo que estamos facendo unha selección dos mellores atletas e alongar o horario do Meeting para darlle cabida a maior parte de eles», dixo Ángel Fidalgo, quen afirmou que «vai a ser a proba de referencia no noroeste peninsular».

No ránking nacional, «Ourense Termal Athletics Meeting 2015», ocupaba «o posto 14 pola calidade das marcas, e pretendemos que este ano entre no top ten dos Meetings de España», asegurou Lalo Gómez. Os premios nesta edición «basearanse na calidade das marcas, a diferenza do ano pasado que se deran por proba», explicou o coordinador da proba.

También te podría gustar...