Presentación do audiovisual da viaxe da Real Banda de Gaitas a Rusia

Presentación do audiovisual da viaxe da Real Banda de Gaitas a Rusia

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do audiovisual sobre a xira que realizou en maio pasado a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense a Rusia, un traballo no que se inclúe o concerto ofrecido na Universidade de San Petersburgo. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, do director da Real Banda, Xosé Lois Foxo, da directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, e do asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e rematou coa actuación do gaiteiro Marco Foxo.

Rosendo Fernández destacou a importancia «cultural e social que ten a Real Banda de Gaitas, por ser unha das mellores embaixadoras da nosa cultura, e sinaladamente da música tradicional da provincia de Ourense», e agradeceu a Elena Zernova a acollida dispensada á Real Banda en San Petersburgo «unha cidade de grande actividade literaria en galego, pois grazas ao labor que dende hai vinte anos ven realizando a profesora Zernova a nosa lingua e a nosa cultura teñen unha grande visibilidade en Rusia».

Na mesma liña, Alonso Montero, quen acompañou á Real Banda na súa viaxe a Rusia, destacou a espectacularidade e emotividade que supuxo o concerto ofrecido pola Real Banda no Museo do Hermitage, diante do cadro do «Afiador», obra do pintor ourensán Antonio Puga, e subliñou o traballo realizado pola profesora Zernova a prol do galego, na antoloxía literaria que recolle en 19 volumes traducidos do galego ao ruso a traxectoria da nosa literatura, dende a lírica medieval galaico-portuguesa ata os autores contemporáneos, pasando por Rosalía de Castro, Castelao e Blanco Amor, entre outros, xunto con tomos dedicados á literatura feminista galega, á literatura folclórica galega, e o conto popular e o relato curto galegos.

Elena Zernova, que agasallou á Deputación de Ourense cos tomas da Antoloxía Galega, destacou a «grande repercusión» que tivo nos medios de comunicación rusos a viaxe da Real Banda e tamén entre o colectivo de estudosos do galego en San Petersburgo «pois foi unha viaxe na que se uniron as tradicións, a música e a historia de Galicia». Xosé Lois Foxo, director da Real Banda, afirmou na presentación do audiovisual que esta viaxe tivo unha significación especial, sinaladamente no concerto ofrecido no Museo do Hermitage e no que tivo lugar na Embaixada de España en Moscova aos «Nenos da guerra», «e tamén polo que supuxo de homenaxe ao traballo de Elena Zernova e do Centro de Estudos Galegos en San Petersburgo, que tanto ben fan pola promoción da nosa lingua e a nosa cultura».

También te podría gustar...