Presentación de ideas para o VII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra
- Os proxectos gañadores do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra incentivan a participación na VII edición do Concurso
A Asociación Semente Monforte ten aberto ata 30 de xuño o prazo de presentación de ideas para o VII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. A incrición é de balde a través da web sementeribeirasacra.org. Nesta edición o prazo de presentación de ideas amplíabase e está aberto desde o 1 de de abril. Polo momento téñense presentado unha quincena de ideas empresariais chegadas principalmente de Galicia, pero tamén doutros punto como Granada.
Para incentivar a participación nesta edición do Concurso cóntase coa colaboración de todos os proxectos gañadores nas edicións anteriores que conseguiron facerse realidade grazas á aportación económica do concurso e ao apoio e asesoramento empresarial que recibiron.
Nas redes sociais de Semente Ribeira Sacra cóntase desde comezos de maio cos vídeos de e-Monte, plataforma web para a compra-venda de lotes de madeira (proxecto gañador da primeira edición do Concurso); KALEKÓI, centro de elaboración de iogur artesán e postres lácteos (proxecto gañador da segunda edición do Concurso); Root&Fish, produción integrada de peixes e prantas (proxecto gañador da terceira edición do Concurso); Terras de María Castaña, cultivo e comercio de hostalizas (proxecto gañador da cuarta edición do Concurso). Nesta semana coñecerase máis da experiencia de Sense(Z), detección de alérxenos en alimentos (proxecto gañador da quinta edición do Concurso) e na vindeira semana o turno será para a empresa gañadora da edición do pasado ano, Recovery Blood, revalorización do sangue e otros subprodutos da industria cárnica.
Con todo, o que se busca con esta colaboración dos gañadores das anteriores edicións é que aquelas persoas que teñen unha idea empresarial a presenten a esta VII edición do Concurso na que se amplían as dotacións dos premios.
- 1º Premio – 12.000 €
- 2º Premio – 8.000 €
- 3º Premio – 5.000 €
Búscanse proxectos innovadores para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos. Terán preferencia os vinculados co territorio Ribeira Sacra; pero o concurso sempre estivo aberto a calquera persoa física de calquera lugar do mundo que teña unha idea empresarial destas características.
O 15 de xullo publicarase o nome das dez ideas que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso.
A estrutura da presentación da idea debe contar con:
- Título do proxecto (20 palabras para resumir de que trata a iniciativa)
- Descrición xeral (300 palabras para describir do modo máis eficaz en que consiste a iniciativa)
- Oportunidade do proxecto (150 palabras para responder á pregunta “¿por que debería investir no proxecto?” Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo.
- Puntos fortes do proxecto (150 palabras que conteñan a información DAFO)
- Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto (150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal para a formulación e implantación do proxecto).
As ideas seleccionadas presentarán antes do 30 de Setembro do 2021, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.
Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto (presencial ou telemáticamente segundo as posibilidades de desprazamento pola situación da COVID-19). O fallo do xurado darase a coñecer o día 16 de outubro do 2.021, sempre que as circunstancias o permitan.